Preto Style, rap galego-verdiano desde Burela

Preto Style -aka Ivandro Soares- é un rapeiro caboverdiano que vive desde 2015 en Burela. E acaba de publicar en Youtube un adianto do que será o seu primeiro disco, que sairá o vindeiro xuño. [Video no interior]

ivandrosoares
photo_camera Ivandro Soares

Ivandro chegou a Burela en 2015 coa última fornada de caboverdianos que seguen emigrando á Mariña luguesa. Estuda na ESO e traballa por horas no conxelado: "Vin á Galiza á procura dunha mellora de vida", explica o mozo, que dedica as fins de semana á súa paixón: "Empecei a cantar con sete anos e fixen a miña primeira canción aos catorce. Gustaríame dedicarme á música e penso que se traballo duro podereino conseguir".

De ben noviño xa participara no proxecto 100Strela en Cabo Verde, gañara algún concurso de rap e agora está a gravar o seu primeiro disco en solitario como Preto Style, coa axuda de Radio Burela. 'Rosto em alto', que así se titulará, estará na rúa en xuño e o seu autor conta con ir presentalo a Cabo Verde. 

'Boka strada' é o primeiro single deste traballo, e o videoclip está gravado enteiramente en Burela e protagonizado polo mesmo Ivandro: "Titúlase 'Boka strada', que significa unha persoa que fala moito sen saber, e a letra -en crioulo- fala das persoas que non te coñecen pero falan mal de ti". 

No disco, que está cantado enteiramente en crioulo, Soares afástase do 'gansta rap': "Non me vai nada iso de utilizar tacos nin ese estilo, o meu rap é máis sentimental e máis pegadizo". 

Comentarios