CONTRACULTURA

Ramón Yzquierdo: “Hoxe temos unha visión museística das rúas de Compostela, mais eran rúas vividas pola xente”

Ramón Yzquierdo, doutor en Historia da Arte, publica 'Os tímpanos de Compostela' (Galaxia), un libro onde percorre as vivencias da capital galega en relación a estas obras. Yzquierdo aborda a situación actual desta arquitectura, que na súa meirande parte está desprazada: “Ao non estar nas súas localizacións orixinais perden un pouco a súa razón de ser”.
O doutor en Historia da Arte Ramón Yzquierdo é director técnico-conservador do museo da Catedral de Santiago.  (Foto: Nós Diario)
photo_camera O doutor en Historia da Arte Ramón Yzquierdo é director técnico-conservador do museo da Catedral de Santiago. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu Os tímpanos de Compostela?
Foi a través do coleccionábel editado por Nós Diario a comezos de 2021 sobre os tímpanos da Galiza. Nese momento eu escribira os apartados dedicados aos de Santiago en tres fascículos e a raíz deses textos a editorial Galaxia contactou comigo para ver se me interesaría desenvolver o tema a través dun libro. 

—Na obra fálase dos tímpanos da Catedral de Santiago e tamén dos que pasan máis inadvertidos na cidade, non?
Por unha parte insisto moito nos da catedral, especialmente no da Epifanía no coro do Mestre Mateo, unha peza desaparecida que deu pé a un modelo que logo se foi desenvolvendo xunto con outras influencias que recibiu. Aínda que nese bloque se introducen bastantes novidades sobre a cuestión tamén hai outro bloque no que efectivamente se fai un percorrido polos tímpanos da cidade que moitas veces nos pasan inadvertidos sumidos no ritmo dos tempos actuais. O que se pretendía era chamar a atención sobre o interese que teñen esas pezas, de onde veñen, que relación teñen entre elas, que novidades van aportando desde o punto de vista estilístico e artístico, quen participa e cales son os temas máis frecuentes e como van evolucionando ao longo do tempo poboando as rúas da cidade, asociadas tamén a ritos e demais. 

—Cal é a situación actual destas pezas?
A meirande parte delas están desprazadas. Nalgunhas ocasións están nos edificios aos que pertencían, mais non nos lugares orixinais. Por exemplo, o tímpano de Santa María do Camiño pasou ao interior da igrexa, mentres que o de San Fiz de Solovio estivo un tempo no interior e agora volve estar fóra, mais non na súa fachada orixinal.

O do Mestre Mateo da Catedral de Santiago desapareceu e outros están no museo. Ao non estar nas súas localizacións orixinais perden un pouco a súa razón de ser, por iso trato tamén de ir contando por que estaban aí, cando se trasladaron e algunhas historias asociadas a estas pezas. Temos que pensar que moitas delas estaban no traxecto do último tramo do Camiño cara á catedral por un motivo concreto. Por exemplo, as pezas que estaban en Bonaval, nas portas da cidade, xunto aos dominicos, unha orde mendicante. 

Isto ten unha función de atención ao peregrino e de presenza nunha cidade á que chega moita xente.

Moitas das epifanías veñen derivadas do modelo mateano, na meirande parte dos casos relacionadas con obradoiros de tradición ourensá que estaban neste último tramo que percorrían os peregrinos, mais tamén os composteláns nas Festas do Nadal. Isto ten unha vinculación cunha cerimonia propia que remataba na catedral e é bastante interesante porque mostra como se vivía a cidade nesa época. É un pouco o precursor da cabalgata dos Reis Magos, por dicilo dalgún modo. Cada peza e cada conxunto contan parte desa historia de Santiago. 

—Que pode chamar a atención da xente que lea o libro sen coñecementos sobre o tema?
Tratei de facer un libro para todos os públicos. Ten cousas relativas á investigación na historia da arte, mais é divulgativo. Trato de ir contando o porqué desas pezas, que nos están a contar e, sobre todo, como as vivía a cidade. Hoxe temos unha visión patrimonial e museística cando percorremos as rúas dunha cidade histórica, mais esas rúas eran vividas polas súas xentes. Trato de contar todas esas vivencias asociadas ás pezas e como era a Compostela medieval a través delas. Este libro forma parte dunha serie de monográficos que o Consorcio de Santiago está a publicar, centrándose en aspectos concretos de Santiago e creo que é moi interesante crear esta especie de corpus sobre a historia da cidade. Oxalá este libro sirva de punto de partida para pór en valor estas pezas e dalas a coñecer.

Comentarios