Ramón Yzquierdo Peiró: “Co Mestre Mateo estamos ante o pai da arte galega, a partir del nace unha arte con identidade propia”

Chegamos ao final desta serie de Tímpanos medievais da Galiza que durante 2 meses publicou Nós Diario. E chegamos a Compostela para coñecer, da man de Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral e autor dos tres últimos fascículos da serie, os portais historiados da Catedral de Santiago e de outras igrexas da cidade de Compostela

Ramón Yzquierdo
photo_camera Ramón Yzquierdo

Vostede di que estes portais historiados poñen a Catedral na vangarda artística da época.

En efecto, cando Diego Xelmírez se converte en novo bispo de Compostela, iníciase, da súa man, unha nova etapa na construción da catedral, desde unha nova perspectiva artística, converténdose en foco de vangarda da arte románica.

Cales son eses elementos de vangarda?

Xelmírez, a quen na Historia Compostelana chegan a chamar sapiens architectus, vai deixar de lado o proxecto que se estaba a desenvolver baixo a dirección do Mestre Esteban e vai promover, baixo o seu padroado, un novo período de esplendor no que tiveron moita importancia os coñecementos adquiridos nas súas viaxes por Francia e Italia. Estas influencias chegaron, da súa man, a Compostela, a través de artistas de procedencia foránea –e diversa, coincidindo todos eles aquí- e de modelos, que non só se ían replicar na catedral, senón que evolucionarían e se reinterpretarían creando un estilo compostelán que, desde aquí, habería de ter influencia na arte da súa época. Configurábase, desde xeito, neste afastado punto do noroeste peninsular, un referente de peregrinación universal, a maneira dunha “segunda Roma”, tal e como pretendía o propio prelado.

Lamentablemente, moitas das realizacións de Xelmírez, caso da capela maior ou a fachada do Paraíso non chegaron a nós; e Praterías chegou alterada con distintas incorporacións, pero as pezas e elementos arquitectónicos e escultóricos conservados son boa mostra desa idade dourada da arte románica compostelá.

O programa iconográfico da Catedral contempla varios momentos da narrativa bíblica. Cales son eses momentos?...

Tal e como describe o Códice Calixtino, a catedral contaba con “moitas portas”, que comunicaban o templo coa trama urbana da cidade, sete portas menores, que se detallan no Códice e tres portais maiores, os dous do cruceiro máis o situado no extremo occidental. Neses tres portais desenvolveríase un programa iconográfico unitario, a modo de tripla portada única, o que constitúe un deses elementos de vangarda que apareceron na nosa catedral e que logo haberán de ter continuidade, por exemplo, nas catedrais góticas francesas.

Nesta tripla portada representaríase, seguindo as sagradas escrituras, a propia historia da humanidade, desde a súa creación e o pecado orixinal á súa redención pola Paixón de Cristo, rematando o relato na escena da Transfiguración do Monte Tabor, momento chave no que, ademais, Santiago o Maior tería, xunto con Pedro e Xoán, un destacado protagonismo, de xeito que, ás portas da súa catedral, se incidía na preeminencia do apóstolo entre o grupo de elixidos de Xesús.

...e como se distribúen nas portas da Catedral?

Na Porta do Paraíso ou Francíxena, así chamada porque aquí remataba o Camiño para os peregrinos, dábase inicio ao relato coas escenas do Antigo Testamento, continuando nas Praterías coa vida de Xesús e a súa Paixón e rematando, coa Transfiguración, na fachada occidental, a cal, sen embargo, seguramente, non pasou de ser un proxecto e, de feito, algúns dos relevos que estaban destinados orixinalmente a esta portada, remataron recolocándose en Praterías.

As variacións no proxecto e as modificacións levadas a cabo ao longo dos séculos posteriores fan que hoxe sexa difícil seguir a narrativa de Mateo e demais mestres que traballaron nas portas da Catedral.

A catedral que hoxe coñecemos, a catedral do século XXI, é unha suma de estilos e remodelacións que a foron configurando ao longo dos tempos. Cada unha desas intervencións supuxo a incorporación de novos elementos pero, ao mesmo tempo, a destrución e perda doutros. Deste xeito, estamos ante un conxunto complexo á hora de afrontar o seu estudo, no que se vai avanzando a través de documentos, novos achados arqueolóxicos, traballos de investigación, etc.

No caso do proxecto mateano, chegou a nós moi alterado por intervencións posteriores que, por exemplo, modificaron, primeiro, e acabaron substituíndo, despois, a fachada exterior do Pórtico da Gloria; ou que supuxeron a destrución do coro pétreo, que ocupaba os primeiros tramos da nave central ata os primeiros anos do século XVII.

Hai pezas que están desmontadas, outras trasladadas a outro emprazamento... Praterías foi destino dunha boa parte das procedentes da Porta Francíxena, non?

No que respecta a Praterías, xa durante a súa construción houbo un cambio de proxecto que, precisamente, pretendeu dar maior presenza aos tímpanos, incorporando para iso, relevos que, orixinalmente, estaban destinados á Porta Francíxena. Logo sumáronse as pezas do Mestre da Transfiguración que ían formar parte da fachada occidental; e a mediados do século XVIII, cando foi substituída pola actual fachada da Acibechería, trasladáronse a Praterías pezas da antiga Portada do Paraíso. Por fin, a finais do século XIX, López Ferreiro incorporou varias pezas pertencentes ao coro do Mestre Mateo, rematando por configurar esa aparencia en certa maneira caótica e case de lapidario, que ten a única das fachadas medievais da catedral que sobreviviu ao tempo.

Do Pórtico da Gloria di vostede que presenta un discurso apocalíptico e salvífico. Que quere dicir con iso?

Como antes comentaba, o proxecto xelmiriano prevía rematar o programa iconográfico dos portais maiores coa Transfiguración na fachada occidental. Aínda que, sobre este tema, hai certo debate e existen varias hipóteses ao respecto, na miña opinión é moi difícil que esa fachada chegase a realizarse e, aínda máis, a rematarse; de feito, algúns dos seus relevos acabaron colocados en Praterías. Habería, polo tanto, que agardar uns anos até a chegada do Mestre Mateo para poder rematar a construción da catedral, precisamente, no seu extremo occidental, co Pórtico da Gloria e a súa fachada, hoxe desaparecida, que o complementaba e abría cara ao exterior. No tempo transcorrido, a sensibilidade mudou e, con ela, as temáticas a representar nas fachadas, por iso, no Pórtico, o Mestre Mateo, retomando a idea da tripla portada da catedral de Xelmírez, desenvolveu unha completa historia da Humanidade, aínda que desde unha nova perspectiva.

Tal e como deixou escrito o bispo armenio Mártir de Arzendjan, peregrino en Compostela a finais do século XV, no Pórtico da Gloria está representado “todo o que aconteceu desde Adán e do que ha de suceder ata o final do mundo”. A mensaxe final do Pórtico incide na salvación do Home após a segunda vinda de Cristo, de aí que fale dun contido de carácter “salvífico”; e para o seu relato, Mateo toma como referencia as Sagradas Escrituras, de xeito especial, o Evanxeo de San Mateo e a Apocalipse de San Xoán, a través de cuxos textos podemos ir seguindo, por exemplo, boa parte das escenas representadas no seu tímpano, onde atopamos unha visión da Xerusalén Celeste, a tamén aparecía na cerca exterior do inmediato coro pétreo; por iso o de “discurso apocalíptico”.

Polo que parece, Mateo era un Mestre ben pagado e moi consciente do valor do seu traballo. Non só deixou o seu nome escrito na pedra senón que mesmo se autorretratou a pé de obra, seguramente no que é o primeiro “selfie” da historia da arte galega, o santo dos croques...

A pesares da súa relevancia artística, a figura do Mestre Mateo segue a ser enigmática, sen que contemos con datos certos acerca da súa vida

Até que aparece na catedral un día como o de hoxe, 23 de febreiro...

Si, até a súa aparición na catedral o 23 de febreiro de 1168. Este é o momento no que o rei Fernando II lle concedeu, mediante un Privilexio que se conserva no Arquivo da Catedral, unha xenerosa pensión vitalicia –de cen maravedís anuais- pola “dirección da obra” da Igrexa de Santiago. Tradicionalmente considérase este documento como unha especie de contrato e a data como a de comezo do proxecto mateano na catedral, aínda que, no mesmo, se da entender que Mateo se atopaba, xa entón, traballando na catedral. Este proxecto, que transformou a catedral cara a súa consagración, prolongouse até esta solemnidade, que tivo lugar no ano 1211.

Seguidamente, en 1188, o seu nome aparece de novo na catedral, neste caso, no epígrafe conmemorativo da colocación dos linteis do Pórtico da Gloria. É o único nome que aparece nesa inscrición, algo inédito na época e que demostra a relevancia do Mestre que, como dis, é moi probable que se representase na súa grande obra, no Pórtico, neste caso, aos seus pes, na imaxe axeonllada –o que podemos entender como un sinal de humildade- que se deu en chamar “Santo dos Croques”, poñendo, deste xeito, na gloria o xenial architectus. Xa Bouza Brey sinalara no seu día que, co Mestre Mateo estaríamos ante un caso típico da “lei de transposicións”, na que a medida que se perde a memoria dun personaxe, agrándase a súa lenda, até converterse incluso en “santo”. 

En todo caso, non tendo evidencias da súa procedencia –“non hai indicio razoable para non telo por compostelán”, dixo no seu día López Ferreiro-, gústame sempre insistir que co Mestre Mateo estamos ante o pai da arte galega, a partir del nace unha arte con identidade propia que se estendeu, no que quedaba de Idade Media, por toda a súa área de influencia a través de sucesivos obradoiros de influenza mateana.

Compostela, como meta, non é só a Catedral. Vostede, no derradeiro fascículo, que é dobre, fai un percorrido por outros tímpanos da cidade, especialmente os centrados no tema da Epifanía. Cal é a importancia destes tímpanos e deste tema?

En primeiro lugar, agradezo a sensibilidade que tivestes no xornal accedendo a dobrar este fascículo, coido que era preciso para poder abordar con perspectiva un bo número de pezas de gran calidade e importancia.

Xa no ano 1958, o profesor Caamaño publicou un estudo acerca dos tímpanos composteláns con representacións da Epifanía e, anos despois, na súa tese doutoral sobre a escultura gótica en Galiza, o profesor Moralejo detívose a analizar algúns deles, poñéndoos en relación con obradoiros de herdanza mateana, fundamentalmente de procedencia ourensá, a partir do estudo do Tímpano de San Fiz.

Habería que agardar algo máis, até o ano 1990, en que os profesores Otero Túñez e Yzquierdo Perrín, no seu estudo sobre o coro pétreo do Mestre Mateo –que permitiu a recuperación dunha obra mestra da nosa catedral- afirmaron que un tímpano coa Epifanía, hoxe desaparecido, pero do que temos testemuñas documentais e algunhas pezas recuperadas do conxunto, presidía a fachada do trascoro, dando comezo, por tanto, a unha tipoloxía que ía ter importante difusión en Galiza e, de forma especial en Compostela. Estaríamos, pois, neste caso, ante unha nova mostra da significación que o traballo de Mateo na catedral tivo para a arte galega.

Ademais, a existencia de tímpanos coa escena da Adoración dos Magos en diversas igrexas da cidade debe poñerse en relación coa importancia que esta celebración adquiriu na época, do que hai proba documental no Arquivo catedralicio, de xeito que tiñan lugar unha serie de representacións, percorrendo as rúas de Compostela e rematando, con gran solemnidade, na propia catedral diante do tímpano da fachada do trascoro.

Así mesmo, os magos personificaban aos primeiros peregrinos da humanidade, pois peregrinaron desde terras afastadas para ofrecer os seus presentes ante Xesús, de igual xeito que, na Idade Media, os peregrinos chegaban a Compostela para adorar o sepulcro apostólico, traer os seus presentes e pedir a intercesión de Santiago. Por iso, este modelo iconográfico tivo especial desenrolo en Compostela nesa época, servindo como exemplo para os propios peregrinos.

Por último, o percorrido polos tímpanos composteláns, permítenos seguir a evolución do modelo co tempo, incorporando, por exemplo, desde o de San Fiz, a imaxe do ou da doante, situados normalmente baixo a protección de San Xosé e habitualmente acompañados dunha inscrición, o que nos permite coñecer os personaxes e o seu labor nun momento concreto da nosa historia

Finalmente, como valora a iniciativa de Nós Diario?

A miña valoración é sobresaínte. Quero felicitar publicamente a Nós Diario por esta iniciativa, que dá a coñecer e pon en valor unha parte importante do noso patrimonio cultural e que o fai, ademais, de xeito rigoroso e, á vez, alcanzable para os lectores. Coido que promover a cultura é un dos mellores xeitos de facer país; e facelo nestes tempos ten un mérito engadido. Persoalmente foi un honor poder ter participado neste proxecto, tendo a ocasión, ademais, de falar das pezas da catedral, na que levo tempo traballando, e das que se atopan na miña cidade. Por tanto, parabéns a Nós Diario, en xeral polo xornal e, en particular por este proxecto dedicado aos tímpanos medievais de Galiza; anímovos a seguir con esta aposta pola difusión do noso patrimonio cultural con novas iniciativas futuras nesta liña.

Comentarios