FITAS EN GALEGO E EN VERSIóN ORIXINAL NO CENTRO DE SANTIAGO

Ramiro Ledo: “Numax será a única sala independente e privada galega de exhibición de cinema”

En marzo de 2015 o cinema volverá ao centro de Santiago. Será da man de Irma Amado, Pablo Cayuela, X. Carlos Hidalgo e Ramiro Ledo.

Ramiro Ledo (Imaxe: Pablo Cayuela)
photo_camera Ramiro Ledo (Imaxe: Pablo Cayuela)

Irma Amado, Pablo Cayuela, X. Carlos Hidalgo e Ramiro Ledo forman a cooperativa de traballo asociado que botará a andar Numax, unha iniciativa que inclúe un cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. Ramiro Ledo explícanos en que consiste o proxecto.

-Que vos animou a botar a andar Numax?

Conflúen varias razóns, a principal, crear os nosos postos de traballo baixo unhas condicións laborais dignas. Eramos catro persoas autónomas cadaquén cos seus ingresos, mais tratábase de loitar contra a precarización laboral. A nivel persoal e profesional tiñamos moita relación, traballamos xuntos no ámbito asociativo e en distintos proxectos. No mes de agosto do 2013 creamos un grupo de traballo e cadrou co peche en Compostela dos cines Valle Inclán, o que deixou o centro da cidade sen salas, un espazo para o cinema á vista da xente que pode pasear por diante a pé e decidir entrar. Margarita Ledo ofreceuse a apoiar un proxecto con este formato e iso serviunos para quitarnos o medo e poñernos a traballar. Desde entón e até o mes de maio de 2014 estivemos formándonos a nivel empresarial e  falando con outras salas, en especial cunha independente de Barcelona que, para nós, é un modelo de sala que non existía antes a nivel estatal. 

-Despois do peche de todas as salas con fins comerciais, unha sala independente pode ser negocio en Compostela?

O peche de salas vai ligado á concentración en grandes exhibidores que acaban de rematar cos máis pequenos. O que nós deseñamos é un espazo con distintas partes -unha sala e unha libraría- que podan funcionar de maneira independente. Buscamos que sexa vivo, próximo á xente, pequeno e manexábel, cun traballo de escolma tanto no cinema como nos libros. O que nos vai diferenciar é que, máis que guiarnos polas inercias das distribuidoras seremos nós quen vaia a buscar os filmes, cun programa escollido. Cada película vaise acompañar, entre outros elementos con libros, cunha libraría que, por outra parte non vai ser especializada en cinema. Será unha libraría de literatura, arte e pensamento. A exhibición cambiou moito nos últimos anos coa implantación da dixitalización e o balance é que o beneficio das exhibidoras aumentou nun 0%, mentres que a asistencia ás salas baixou case un 20% polo incremento das entradas. 

-Como inflúe esta nova situación á hora de abrir unha nova sala?

Nós contemplamos este novo panorama e contaremos coa tecnoloxía para proxectar cinema dixital, instalar unhas butacas cómodas e conseguir que todo o proceso estea baixo o noso control. Procuraremos que sexan as mellores condicións de acceso a cines. Isto vai ligado tamén á parte artística e laboral. Escollemos a forma de cooperativa de traballo, sen ánimo de lucro para sermos nós os que traballemos, cun tope salarial e sen que os beneficios se repartan entre os socios. Calquera espectador pode ser conscientes de que os ingresos se van reinvestir ao cen por cen na cooperativa. 

-Que vai ofrecer ao público?

Pois será a única sala independente e privada na Galiza, con actividade diaria, con tres ou catro proxeccións, que proxecte unicamente versións orixinais, con subtítulos ou non, segundo sexa a lingua. Imos traballar por traer todos os filmes que teñen distribución comercial, mais non contan con pantallas onde se mostrar e fai moi difícil acceder a eles en condicións normais, falo, poño por caso, de películas que están a participar en distintos festivais internacionais. Outro tipo de filmes que se mostrarán en Numax son aqueles títulos clásicos que agora se están a dixitalizar. Hai tamén un terceiro tipo, son aqueles que non teñen distribución comercial nin posibilidade de tela mais que, ao noso ver, son do máis interesante que se está a facer hoxe en día. En conxunción cos anteriores, tentaremos ofrecerllos ao público. 

-Vostede vén do mundo da produción audiovisual galega, será tamén obxectivo de exhibición en Numax?

É unha das nosas intencións. Coñecemos os filmes que se están a  facer e sabemos, por experiencia, que non é fácil atopar espazos de exhibición para o novo audiovisual galego. Semella que estamos a volver a aquel tempo cando viamos os filmes en VHS. Queremos que a sala sexa tamén lugar de encontro para a xente que está a facer filmes en Galiza. 

-Antes falaba da subida das entradas e a baixada de asistentes, van facer unha oferta distinta nese ámbito?

A subida do IVE do 8 ao 2% fai moi difícil axustar as entradas mais nós partimos na nosa previsión dun prezo de entre 5 e 6 euros, bastante por debaixo da media do estado español que se atopa en 7,2. 

-Que cando fan público o proxecto máis de 30 persoas avalaran a iniciativa con entre 1.000 e 5.000 euros cada unha é unha milagre?

Ten a ver coa maneira de presentar o proxecto. Levamos todo un ano con esa fase previa. Conseguimos da cooperativa Coop57 un crédito de 300.000 euros coa condición de que conseguiramos avais de entre 1.000 e 5.000 euros. O apoio de todas estas persoas baséase na confianza e a responsabilidade está limitada á cantidade que se comprometen a avalar. Eses cartos non son depositados, senón que o que se entende é que esas persoas confían no proxecto e avalan esa parte do crédito. Precisamos completar os 300.000 euros en avais. Queremos que a xente se faga partícipe dun proxecto como o noso que precisa apoio para saír adiante. 

-Cando poderemos asistir a unha película en Numax?

As obras comezan en novembro e a data de apertura está prevista para o mes de marzo. A idea é ter 3 pases diarios de terza a quinta feira e 4 de sexta a domingo. Polas mañás queremos traballar con xente nova, con centros de ensino que podan achegarse á sala a ver filmes e dinamizar a nivel educativo. 

Comentarios