mércores 26/01/22

Ramiro Ledo, elixido empresario do ano pola rede Europa Cinemas polo seu traballo na sala Duplex

Constitúe un fito a nivel estatal, pois é a primeira vez nos 17 anos de traxectoria do galardón que este recoñecemento non recae en Madrid ou Barcelona
O director e programador de Duplex, Ramiro Ledo. (Foto: Alicia Seoane)
O director e programador de Duplex, Ramiro Ledo. (Foto: Alicia Seoane)

O director e programador de Duplex Cinema recibe o premio ao empresario do ano da rede Europa Cinemas, por reabrir a última sala que quedaba en Ferrol, cunha aposta renovada no cinema independente e en versión orixinal.

As persoas responsábeis da institución comunitaria recoñecen a traxectoria previa de Ledo e recordan que en 2015 foi o primeiro na Galiza en programar este tipo de contidos desde o seu anterior posto de director e programador de Numax (Compostela).

Duplex, canda a Codex Cinema (Lugo), pasou recentemente a integrarse en Europa Cinemas, unha rede promovida pola Unión Europea para recoñecer o labor das salas que apostan fortemente no cinema europeo.

No contexto español, este premio ten unha especial relevancia, ao ser a primeira vez que se recoñece un exhibidor do Estado sen presenza en Madrid ou Barcelona. Nos 17 anos de existencia do galardón, os outros dous exhibidores que recibiron este galardón foron Josetxo Moreno, de Golem (2013) e Enrique González Macho, de Cines Renoir (2006), dous dos proxectos de exhibición independentes de referencia e máis importantes a nivel estatal.

Cada ano, a institución europea recoñece a tres profesionais nas categorías de programación, accións para o público novo e emprendemento. Desta volta, Elise Jalladeau, das salas Olympion e Warehouse en Tesalónica (Grecia), recibe o premio ao mellor programa.

En Malmö (Suecia), o cinema Panora, con Per Larsson na dirección, é recoñecido polas súas actividades de educación en cinema para os máis cativos.

O xurado valora especialmente a valentía de abrir un cinema das características de Duplex nunha cidade pequena como Ferrol, máis nos tempos que corren, citando en especial a situación de pandemia que está a impactar en todas as salas. Indican que grazas a unha xestión dinámica, a sala é competitiva e que logrou dobrar os espectadores que se viñan facendo anteriormente.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Ramiro Ledo, elixido empresario do ano pola rede Europa Cinemas polo seu traballo na...
comentarios