A RAG solicita que o conxunto da biblioteca de Emilia Pardo Bazán sexa declarado BIC

A Real Academia Galega recorda que no pazo de Meirás gárdanse unhas 3.200 obras das máis de 11.000 que formaron parte da colección persoal da escritora coruñesa. Para a entidade, esa declaración significaría "garantir a súa protección e uso público".
pardo bazán
photo_camera A escritora Emilia Pardo Bazán, de costas, ante as Torres de Meirás en construción. (Foto: Arquivo Pardo Bazán)
A biblioteca do pazo de Meirás acubilla uns 3.200 dos máis de 11.000 volumes que Emilia Pardo Bazán chegou a reunir na súa biblioteca persoal. Con motivo da sentenza do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña, que dita que os herdeiros de Francisco Franco devolvan o inmóbel ao pobo, a Real Academia Galega (RAG) solicita que o conxunto da biblioteca de Pardo Bazán sexa declarado Ben de Interese Cultural. O obxectivo: “garantir a súa protección e uso público”.
 
A Academia, que celebra a sentenza, agarda que a decisión xudicial “facilite a recuperación dos libros da escritora que aínda continúan en Meirás”. "Consideramos que a biblioteca ten un extraordinario valor documental, histórico, biográfico e intelectual pola significación dos títulos e porque é a crónica íntima da escritora", afirma Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, nun comunicado de prensa emitido o día de onte.
 
"Desde hai anos a RAG traballa na unificación dese patrimonio no edificio da rúa Tabernas, que foi residencia coruñesa da autora, para facelo accesíbel a investigadores e a todas as persoas interesadas na obra de Emilia Pardo Bazán", engade.
 
Pardo Bazán foi nomeada presidenta honoraria da RAG en 1905 e a sede da institución desde 1978 está no que foi o fogar da escritora na súa cidade natal, no número 11 da rúa Tabernas da Coruña, tras a doazón da súa filla Blanca en 1956.
 
A biblioteca da RAG conserva, segundo a institución, perto de 8.000 volumes da autora. “Parte deles atopábanse no domicilio coruñés, pero a Academia conseguiu recuperar a maioría do pazo de Meirás tras o incendio que se rexistrou neste edificio en 1978 e poñelos a disposición das persoas que investigan a vida e a obra da autora”, explica a RAG no comunicado. Os demais títulos, engade, non puideron recuperarse polo momento das Torres de Meirás.
 
Ademais, o legado de Pardo Bazán conservado na RAG inclúe manuscritos, galeradas, notas de traballos e fotografías e outros documentos persoais. Os documentos abranguen case todos os campos cultivados pola escritora, desde o relato curto, a novela, a poesía e o teatro até a crítica literaria, artigos e crónicas xornalísticas ou conferencias, así como unha importante colección de receitas de cociña.
 
A descrición do arquivo pode atoparse en liña no Arquivo Dixital da Galiza onde, ademais da descrición dos documentos, os  usuarios e usuarias poden acceder a 9.700 imaxes dixitalizadas.
 
 

Comentarios