A RAG propón Ana Romaní para ocupar a cadeira vacante de Xohana Torres

A xornalista e escritora foi a única proposta oficializada polo pleno da Academia. É a cuarta muller consecutiva designada para acceder á institución. 

Ana Romaní (Foto: CRTVG)
photo_camera Ana Romaní-CRTVG

Ana Romaní ocupará a cadeira de Xohana Torres na Real Academia Galega (RAG). A institución votará no próximo pleno a candidatura da xornalista e escritora de Noia, que cubre a vacante deixada polo pasamento de Torres, académica de número, o pasado 12 de setembro.

A RAG destaca de Ana Romaní o seu labor a prol da cultura galega tanto no seu papel como comunicadora como no de escritora. “Dirixe desde o ano 1990 o programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos da radiodifusión española no seu eido”, engade a institución na súa páxina. 

“Desde este espazo nas ondas promoveu proxectos como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a 41 obras de teatro radiofónico e que propiciou a revisión do xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía poético-sonora con poemas inéditos de 36 poetas arredor de versos de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión durante un ano”.

Será a cuarta muller consecutiva designada para ocupar unha cadeira na institución, despois dos nomeamentos de Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre e Chus Pato. A RAG salienta nese sentido de Romaní o seu “continuado traballo para visibilizar as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos”. 

Como escritora, valoran a súa dilatada obra poética e a busca de novos universos literarios. “Tras publicar poemas en revistas, en 1987 saíu do prelo o seu primeiro libro de versos, Palabra de mar. O último ata o momento é Estremas, que recibiu varios premios. A súa poética está tamén presente en volumes colectivos e, alén do papel, desenvolveu proxectos vinculados á oralidade do poema e á súa expresión no espazo público da man doutros creadores”. 

No mesmo pleno da Academia, tamén se oficializou a candidatura de Carme Pazos Balado como académica correspondente. “A profesora, experta no estudo do léxico galego, foi durante moito tempo peza fundamental do Seminario de Lexicografía da Academia, ao que estivo vinculada durante case 25 anos”, sinala a RAG.

Comentarios