A RAG pon a disposición pública o seu arquivo en Galiciana

A Academia Galega vén de facer públicos máis de 3.700 documentos dixitalizados do seu arquivo a través do Galiciana, o Arquivo Dixital de Galicia, no que tamén pon a disposición todo o catálogo, composto por máis de 32.600 documentos.

Entroido_1916 (2)
photo_camera Entroido na Coruña en 1916 [Arquivo da RAG]

A institución presidida por Alonso Montero, que posúe o máis importante arquivo da cultura galega, con grande cantidade documentos vencellados á historia de Galiza desde o século XI até a actualidade, abre así as súas portas a investigadores e curiosos, que desde xa poden acceder a copias en dixital do 13% dos documentos que custodia o Arquivo, que seguirá incorporando novos documentos aos poucos.

Entre os fondos dixitalizados por completo, figuran o dos irmáns da Iglesia, que inclúe documentación relativa ao cerco da Coruña polos ingleses en 1589 ou os textos orixinais dos Xogos Florais celebrados na mesma cidade no ano 1861; o de Xohán Vicente Viqueira e a colección fotográfica de Pablo Beade, con imaxes de 1932 a 1987 de actos e actividades da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina. O Arquivo prevé incorporar proximamente a esta plataforma a colección de pergameos, con documentos de 1088 a 1756 de compravendas, foros, sentenzas xudiciais ou bulas.

Están tamén xa dispoñibles en copia dixital manuscritos como o do poema “Os pinos” (letra do Himno galego) de Eduardo Pondal, da obra teatral 'O Mariscal' de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte e de textos de Curros Enríquez, Fermín Bouza-Brey ou o padre Sarmiento; fotografías de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Marcial del Adalid; ou o tumbo de Caión (1582-1787).