A RAG homenaxea este sábado a Manuel María en Monforte

A Real Academia Galega e o Concello de Monforte organizan un acto literario e musical dedicado ao poeta chairego, que viviu nesta vila durante décadas.
 

Manuel María_LQ
photo_camera Manuel María

Seguimos aínda no Ano Manuel María e a RAG, logo de honralo o 17 de maio en Outeiro de Rei, volve homenaxealo mañá sábado 1 de outubro en Monforte de Lemos, cun acto literario e musical, organizado pola Academia en colaboración co Concello.

A celebración terá lugar na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte a partir das 12 horas. Logo da apertura do acto por parte do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o alcalde, José Tomé Roca, lembrarán a figura de Manuel María a académica Margarita Ledo, Antón Lopo e Lois Diéguez.

O público poderá ademais escoitar versos do protagonista do Día das Letras Galegas e outros lidos na súa memoria na voz dos académicos Fina Casalderrey e Salvador García-Bodaño, de Manuel Rajo, amigo persoal do poeta, e de alumnos e alumnas dos institutos Daviña Rey, Río Cabe e A Pinguela. A parte musical correrá a cargo do alumnado do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez.

Manuel María Fernández Teixeiro e a súa muller, Saleta Goy, establecéronse en Monforte de Lemos no ano 1958. O poeta exerceu como procurador desde esta vila, onde tamén impartiu clases nunha academia mentres continuaba coa súa produción literaria. No ano 1970 a parella abriu a libraría Xistral, que se converteu nun auténtico centro de dinamización cultural.