A RAG disponibiliza na web unidades didácticas sobre Manuel María

A Academia GAlega vén de presentar a web Primavera das Letras que pon a disposición da comunidade escolar diversos recursos didácticos relacionados co Día das Letras Galegas e co homenaxeado este ano, Manuel María.  

P1015445
photo_camera Presentación do proxecto 'Primavera das Letras' no CEIP Curros Enríquez de Montealto (A Coruña)

O CEIP Curros Enríquez, no barrio coruñés de Monte Alto, onde Manuel María viviu os derradeiros anos da súa vida, acolleu esta mañá a presentación de Primavera das Letras, un proxecto da Real Academia Galega pensado para fornecer o profesorado, a través das novas tecnoloxías, de recursos didácticos que permitan traballar os contidos educativos relacionados co Día das Letras Galegas alén dos días previos ao 17 de maio e desde unha perspectiva interdisciplinar. A cerna desta iniciativa é a páxina web Primavera das Letras, desde a que se achegarán distintos recursos didácticos, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre.

Durante a presentación o alumnado recitou poemas de Manuel María e narrou a vida do poeta chairego. Por outra banda, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, engadiu que con estes recursos preténdese contribuír a estender a celebración e que “o Día das Letras Galegas sexa algo máis ca un día”. De feito, Primavera das Letras fornecerá de novos recursos a comunidade educativa ao longo de toda a primavera, desde fichas didácticas a actividades interactivas, até o mes de xuño. Os contidos estarán ademais accesibles na web todo o ano co propósito de poderen ser empregados en calquera momento, xerando pouco a pouco un banco de recursos que pretende ser útil para toda a comunidade escolar.
 

Comentarios