RAG convoca a súa comisión executiva para avaliar o "impacto" da nominación de Filgueira

O presidente da institución, Alonso Montero, enfatizou que a xuntanza responde ao proceder habitual da Academia. 

Após as críticas suscitadas pola persoa escollida para o Día das Letras 2014 a comisión executiva da RAG reúnese desde as 16.00 horas desta quinta feira para avaliar o "impacto" da nominación de Filgueira Valverde. 

Xesús Alonso Montero asegurou aos medios de comunicación que o órgao se xuntará para "examinar, como fai sempre, o eco" mediático e público da persoa designada para protagonizar o 17 de maio. 

Alonso Montero apelou a avaliar a produción bibliográfica de Filgueira pois, do contrario, "non estamos á altura", afirmou

Riba da mesa estarán o rexeitamento de amplos sectores da cultura galega á figura de Filgueira Valverde, quen foi alcalde da cidade de Pontevedra durante o franquismo. No entanto, Alonso Montero asegurou que a avaliación que ha de facer a comisión executiva debe centrarse na produción bibliográfica do autor pois, do contrario, dixo, "non estamos en condicións de estar á altura do Día das Letras Galegas e do profesor Filgueira Valverde". 

Cumpre lembrar que esta quinta feira organizacións sociais e culturais de todo o país manterán unha xuntanza ás 18.30 horas na libraría Couceiro para fixar uns mínimos arredor do rexeitamento de Filgueira e promover unha festa social e colectiva para as letras e a cultura galega. 

Comentarios