A RAG reivindica a transmisión xeracional do galego

No Día da Lingua Materna, que se celebra hoxe, a Academia partilla o relato escrito por Valentín Arias no que explica a experiencia como nena criada en galego da súa filla, Xela Arias. 

A poeta Xela Arias. (Foto: RAG)
photo_camera A poeta Xela Arias. (Foto: RAG)

A diversidade lingüística é unha riqueza ameazada a nivel mundial. Por iso a Unesco celebra desde 2000, cada 21 de febreiro, o Día da Lingua Materna, unha conmemoración á que a Real Academia Galega (RAG) se suma este ano compartindo ‘Xeliña fala galego’, o relato, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968 no que conta a experiencia como nena criada en galego da súa filla Xela Arias (1962-2003), a quen a Academia lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O texto difúndese xunto a un artigo no que o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tamén reivindica a transmisión xeracional do idioma como “unha riqueza que debemos celebrar” e lembra que o galego é, ademais, unha porta ao multilingüismo, un concepto no que a organización internacional pon o acento nesta edición do Día da Lingua Materna e no que tamén afonda a historia de Valentín Arias.

“A proposta da UNESCO ten este ano un obxectivo moi concreto: fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade. O texto de Valentín Arias ‘Xeliña fala galego’ é moi significativo ao respecto. Multilingüismo sen renunciar ás raíces, profundando nelas, para construír unha sociedade sen complexos”, expón o presidente da Academia no artigo titulado ‘Lingua da memoria’.

Valentín Arias escribiu “Xeliña fala galego” no ano 1968. A protagonista do relato, publicado nun especial das festas de San Xoán de Sarria, é Xeliña, unha pequena de sete anos cuxa lingua materna é o galego por decisión dos proxenitores, malia os prexuízos sociais.

Partindo da “lingua nai dos galegos”, o conto augura que se mergullará pronto noutros idiomas con máis facilidade que os rapaces monolingües, porque “é ben sabido que é máis doado aprender unha nova lingua cantas máis linguas se coñecen”. E o narrador non se equivocou no seu prognóstico: aquela rapaciña, á que lle gustaba comparar os dous idiomas que xa manexaba e reflexionaba constantemente sobre eles, converteríase tempo despois na vida real nunha destacada tradutora, ademais de poeta e editora.

Víctor F. Freixanes reflexiona no seu artigo sobre o valor afectivo da lingua materna, “a lingua primeira da memoria”, e salienta a importancia de garantir a transmisión xeracional do galego, “unha riqueza que debemos potenciar, celebrar, asegurar e potenciar, pois non é incompatíbel con outras experiencias. “A fala primeira sempre está aí, no corazón, na memoria das cousas, nos primeiros aloumiños, nas primeiras experiencias, mesmo inconscientes: a fala primeira que nos axuda a recoñecernos e, ao mesmo tempo, nos abre ao mundo, tamén a outras linguas”, expresa.

Ademais, o presidente da Real Academia Galega tamén aproveita a celebración do Día da Lingua Materna para subliñar o valor das persoas que malia non se criaren en galego dan o paso para se instalar na lingua galega. “Na recuperación e uso social do galego son moi importantes os neofalantes”, conclúe.

Comentarios