Rafael Quintía gaña o Ramón Piñeiro por un ensaio sobre a cristianización dos mitos célticos

A obra 'Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia', de Rafael Quintía resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016. 

rafaelquintia
photo_camera Rafael Quintía

O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e será publicado pola Editorial Galaxia durante o próximo ano, trata o tema da apropiación por parte do cristianismo dos mitos célticos, neste caso exemplificados a través das múltiples Santas Mariñas en Galiza. Segundo a editorial Galaxia, organizadora do premio, o ensaio "está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transformación históricas que converteron os espazos, fontes, árbores e lagoas sagradas en lugares de culto cristián". A editora tamén destaca "a inserción do ensaio nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos, documentando unha variedade dos diferentes aspectos da antropoloxía cultural de Galiza".

O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Marilar Aleixandre,  Luís Alonso Girgado,  Uxío Labarta Fernández,  Inma López Silva e Carlos Lema, como secretario con voz e voto.

Galaxia tamén destaca "a inserción do ensaio nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos, documentando unha variedade dos diferentes aspectos da antropoloxía cultural de Galiza"

Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, escritor, documentalista e músico tradicional. Traballa como antropólogo profesional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA)  Tamén foi membro fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e leva 25 anos vencellado ao asociacionismo e á dinamización sociocultural.
Gañou o XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais (2015) polo seu traballo 'Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega', así como o III Premio de investigación Luís Cuadrado (2010) polo seu traballo 'A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo'.

É autor dunha decena de ensaios, entre eles: 'Monte das Croas. Antropoloxía dun castro' (2016), 'Análise estrutural e simbólica do ito da Moura' (2016), 'La historia de Galicia en 50 lugares' (2015), 'Uso simbólico do cuarzo na cultura galega. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos' (2015), 'Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas' (2014), 'Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega' (2013), 'A Nosa Señora da Lanzada. Antropología de un santuario costero' (2011) e 'Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica' (2010).

O autor mantén un blog no que vai publicando os seus achados titulado Á sombra de Bouza Banda.