martes 31.03.2020

Rafa Vilar: “Escribir poemas para a infancia é un reto literario”

Animalario estrafalario é o terceiro libro que o escritor dedica ás crianzas, após Acuarelas e Patente de corso. Trátase dun catálogo de cen animais aos que lle dedica cadanseu poema. Animalario estrafalario é o segundo libro publicado en e-pub por Sermos Galiza e que está ao dispor na nosa loxa

Rafa Vilar
Rafa Vilar

-Cunha sólida traxectoria literaria que comezou hai máis de vinte anos, como se produce o encontro co público lector infantíl?

Como escritor supuxo un reto. É un cambio na maneira de escribir, os destinatarios son outros, rapaces e rapazas. O primeiro libro que publiquei puiden testalo antes nas aulas e resultou unha experiencia moi grata. Iso animoume a continuar escribindo para esa idade. A compensación é ter un público espontáneo. Ademais, entendía que había pouca poesía infantil en galego escrita neste tempo e a vontade de responder a esta necesidade tamén me animou. A receptividade foi grande. 

-Os seus poemas para crianzas achéganse moito ás cancións, con grande sonoridade, rima e ritmo moi acusados. 

Niso cambiei os parámetros da escrita. Obrigueime a escribir con rima, cun ritmo máis claro que se prestase moito á oralidade, á diferenzada anterior que escribía, digamos, para o papel. Tamén o obxecto libro e´diferente e, en certa maneira, busquei unha liña máis lúdica que non tiña na poesía para adultos. Máis próxima tamén. En concreto este libro está escrito nunha estrofa chamada Limerick da que fala Gianni Rodari, poemas de cinco versos e tema disparatado. Collín esa estrutura e adapteina á lingua e ao motivo. 

-O catálogo de animais é xeneroso, próximos, lonxanos, fantásticos, reais... por que un animalario poético?

Son cen animais con cadanseu poeta. O mundo dos animais está moi presente na infancia, nos debuxos, nos relatos, no entorno e na propia socialización das crianzas. Tratei de mesturar animais que son máis coñecidos con outros que están nos libros, algúns que nunca viron cos que están próximos. Quixen integrar os do día a día cos máis lonxanos da vida cotiá. Desde animais míticos até, poño por caso, unha bertorella, que lles chega aos pratos. Posibelmente sexa a primeira vez que se lle fai un poema á bertorella! 

-Fina Casalderrey citou no seu discurso unha frase de Neira Vilas que di “os zocos para un neno levan menos pau, pero dá máis traballo facelos”. Trátase dun exercicio literario máis complexo?

Complexo e traballoso. Eu estaba noutro tipo de poesía no que xa tes un modelo de escrita, pero aquí partes de cero. Requeriume pensar o libro con antelación e certa disciplina. Detrás hai suor e ter claro onde quería ir. 

-Que aporta a poesía á infancia?

Por unha parte, satisfacción, se conseguimos darlle algo que lle guste, logo versatilidade no uso da lingua. Enriquece non só polo vocabulario senón tamén polas estrutura. A estas idades a recepción é fácil, a poesía chégalles sen grandes dificultades. Con rima e moito xogo interno non teño dúbida de que contribúe á adquisición da linguaxe. 

-Animalario estrafalario ve a luz en edición dixital, que supón para vostede como autor?

Os formatos dixitais ofrecen importantes posibilidades para a literatura. Non son catastrofista con respecto ao libro en papel mais vai ter que coexistir con outros formatos e cómpre ter en conta que hai xente que xa se está alfabetizando dixitalmente. Para min publicar en dixital abre outras portas á difusión. 

-Tamén é certo que o soporte tenlle que ser familiar. Vostede foi autor dun dos primeiros blogues literarios en galego, pioneiro en botar man da rede como ferramenta de difusión cultural. 

Son dos que nunca lle puxo reparos á experimentar coas novas tecnoloxías e mesmo tratamos de incorporalas ao noso discurso literario. O formato dixital é máis barato, máis accesíbel entón para a xente, e pode chegar a públicos de todo o mundo. 

-E unha saída para xéneros que, como a poesía, están a ter dificultade para se transformar en libro. 

Está. Volve a haber moita edición de autor, edicións artesanais e pequenas porque a xente segue creando, mais publícase menos. A crise golpea moi forte o sector do libro, porén hai capacidade de reacción porque se continúa a escribir. 

comentarios