mércores 19.02.2020

Rafa Vilar gaña o Vitoriano Taibo de poesía cun libro "de amor e vida"

Foi unha das voces máis prolíficas da xeración de poetas aparecida nos 90. Pero levaba tempo en silencio. Case unha década. O premio Vitoriano Taibo recupera para o público a poesía de Rafa Vilar (Cee, 1968), e faino con Erosións, un libro "de amor, de amor e vida para ser máis preciso". O xurado do certame referiuse á "sinxeleza e intensidade lírica" dunha obra "intimista e apaixonada".
 

O poeta Rafa Vilar.
O poeta Rafa Vilar.

Un cento de poemas breves e de "linguaxe que intenta ser o máis precisa posíbel e tamén evocadora", en palabras de Vilar, conforman o seu regreso á escena literaria. Pasaron nove anos desde Migracións (2008). "Non hai ruptura respecto á miña obra", considera, "pero si unha maior depuración da lingua, que é máis espida". Esta terza feira penduraba nas redes sociais unha mostra: "un mar tatuado / tras a noite // un silencio / que se embosca // as miñas unllas / sendo terra / en ti // a túa boca / no meu ventre".

Neste demorado hiato, Vilar si escribiu para cativos -Acuarelas (2009), Patente de corso (2012) ou Animalario estrafalario (2013)- pero, sobre todo, aproveitou "para ler e para vivir". "Foi un período moi longo", apunta sobre o seu paro poético, "o que pasa é que ás veces cómpre deterse e que se vaia formando un substrato. Tamén precisaba un pouco de distanciamento". Desde o seu debut en 1993 con Liques da memoria, Vilar convertérase nun dos rostros máis activos e visíbeis da súa promoción, ao primeiro desde o Batallón Literario da Costa da Morte. Na historia da literatura galega consta o seu arrepoñerse contra o teito de cristal que freaba os poetas novos e que encolerizara o mesmo Uxío Novoneyra.

Xustamente a outros autores e autoras novas menciona Rafa Vilar cando fala de "novas voces moi interesantes". "Despois da eclosión dos 90 e de inicios de século", engade, "parecía que non xurdían poetas significativos. Agora si, e estamos convivindo cun conxunto de autoras moi potente". Ao seu ver, renovan linguaxes, temáticas e "mesmo a forma de se mostrar en público". "A verdade é que resulta fascinante", conclúe.

O premio Vitoriano Taibo de poesía convócano o Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoranos. Lara Rozados, Carlos Negro ou Calros Solla foron algúns dos seus gañadores. Para esta edición, a décima, fixeron parte do xuri Iria Misa, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Xulián Maure e Xosé Iglesias, cuxo A relixión do mar levou o galardón o ano pasado.

comentarios