A RAE cambia as definicións de ‘soberanía, ‘referendo’ ou ‘nacionalidade’

A Real Academia Española presenta o novo dicionario do castelán, con novas incorporacións e ‘retoques’ nalgúns significados xa existentes e de actualidade polo proceso soberanista.

RAE español castelán

A Real Academia Española (RAE) presenta esta quinta feira o novo dicionario do idioma español, unha edición que ten 93.111 entradas, case 5.000 máis que a anterior (de 2001), e inclúe 140.000 relatorios que afectan a case 50.000 artigos do dicionario.

E entre as palabras que sufriron cambios están algunhas de gran vixencia e actualidade, como soberanía, referendo ou nacionalidade. Así, a palabra soberanía que na edición de 2001 tiña de segunda acepción “autoridade suprema do poder público” para a ser “autoridade suprema que corresponde a un estado independente”. Xa hai quen sinala que galegos, vascos e cataláns non poden demandar ser soberanos porque...non son estados independentes.

Outro cambio é o de ‘referendo’, como informa Naiz lembrando que medios cataláns como Vilaweb xa o denunciaban hai meses. Pasa de ser (edición 2001) “procedemento xurídico polo que se someten ao voto popular leis ou actos administrativos cuxa ratificación polo pobo se propón” a “ procedemento polo que se someten ao voto popular leis ou decisións políticas con carácter decisorio ou consultivo”. Cámbianse actos administrativos por decisións políticas.

E en “nacionalidade” desaparece a cuarta acepción, “denominación oficial dalgunhas comunidades autónomas españolas». E a segunda acepción pasa de “Estado propio da persoa nada ou naturalizada nunha nación” a «vínculo xurídico dunha persoa cun Estado, que lle atribúe a condición de cidadán dese Estado “. Así pois, a nacionalidade xa non ten a ver coa nación senón co Estado.

Beñat Zaldua reflexiona en Naiz sobre estes cambios: “cambian a lingua para cambiar a realidade”. 

Comentarios