Rock in Cambre, a achega de Santiago Romero (Radio Océano)

Radio Océano, a banda sonora do atlantismo

radio océano
photo_camera radio océano

Radio Océano, a banda coruñesa con maior proxección nos anos 80, pechou en 1986 o primeiro cartel do festival Noroeste Pop Rock, nunha cita histórica da que tamén formaron parte Siniestro Total e Os Resentidos. 

As tres bandas galegas más activas a mediados daquela década, na que o rock galego se converteu nunha prestixiosa denominación de orixe na marea de modernidade que sacudía o Estado español despois da longa noite de pedra franquista, volven coincidir agora, 32 anos despois, no cartel do Rock in Cambre.

Radio Océano foi naqueles anos a banda sonora dunha explosión cultural coruñesa nas artes, o cine, a literatura e a música, que tivo tamén como soporte á publicación La Naval, cofundada por dous membros do grupo, na que brillaron nomes propios como o poeta Lois Pereiro, o ilustrador Miguelanxo Prado ou o cineasta Xabier Vilaverde. 

Radio Océano e La Naval foron os estandartes do movemento atlantista que nos 80 marcaba naquela onda de modernidade en España un contrapunto de identidade galega fronte aos gurús da chamada movida madrileña en medios que creaban tendencia como a revista Madrid Me Mata.

Tras gravar no estudio lisboeta Radio Triunfo, Radio Oceáno queda segundo en 1984 no maior concurso de rock ata ese momento en España, do que xurdiu a tamén banda galega Golpes Bajos, e gaña en 1986 o certame de Radio Nacional de España (RNE). Ese mesmo ano estrean o selo de rock de Radio 3 co álbum “Nin falta que fai”. Paradoxalmente, o grupo separouse en 1987 no momento culminante da súa carreira, unha inesperada autodesaparición que lle valeu durante décadas unha consideración de banda de culto.

Radio Océano reaparece agora da man de Subterfuge Records, selo de referencia do rock independente en España, que recompila a súa carreira en “Memorias do óxido”, un álbum con dous vinilos e dous CD’s, que será presentado o 14 de setembro na FNAC. 

Este texto publicouse no Caderno de Verán co semanario nº305 do Sermos Galiza, que podes ler na nosa loxa. 

Comentarios