O Rabelo: "Quería facer un traballo baseado no tradicional, mais envolvéndoo nunha sonoridade urbana"

'Suor' é o novo traballo do Rabelo, rapeiro impulsor dun proxecto artístico que "defende o dereito a ser quen somos para buscar a forma de sobrevivir nun mundo incerto". O seu anterior traballo, 'Que prenda a faísca', conta con diversos temas que tiveron unha grande acollida por parte do público como Somos legiom ou 'Sê mais cam'. 'Nós Diario' conversa co músico sobre Suor e sobre o panorama actual da música en galego.
O disco 'Suor', do Rabelo, foi financiado a través dun micromecenado que conseguiu alcanzar os obxectivos. (Foto: Marcela Barsce)
photo_camera O disco 'Suor', do Rabelo, foi financiado a través dun micromecenado que conseguiu alcanzar os obxectivos. (Foto: Marcela Barsce)

—Con que se van encontrar as persoas que escoiten o teu novo traballo?

Cunha mestura de música electrónica con xéneros que chaman 'urbanos', que aínda que se fagan no rural denomínanos así, e tamén coa raíz tradicional. No disco pódeste encontrar con muiñeiras e até con 'agharraos'.

—Menciona a raíz tradicional. Sempre está presente na súa música?

Totalmente. Esa era a idea do disco, eu quería facer un traballo baseado na música tradicional mais envolvéndoa dalgún modo nunha estética e sonoridade de música urbana. Mais Suor está totalmente baseado na tradición, mesmo desde as primeiras ideas que tiven para o traballo; hai temas en que, ao mellor, non se percibe que sexa canción tradicional mais escóitase unha gaita sintetizada, hai unhas cunchas ou hai pandeiros.

—Como foi o proceso de elaboración de Suor?

Inicialmente naceu de ideas soltas que tiñan como base facer electrónica mais que tamén houbera algo de baile. Empecei a facer unha chuvia de ideas nun papel e aí comecei a deseñar o que acabaría sendo o disco. Houbo un momento en que até tiven que parar porque tiña demasiadas ideas e tiven que pór un límite.

—O traballo foi financiado a través do crowdfunding. Deu bos resultados esa campaña?

O motivo polo que fixen un crowdfunding foi basicamente porque non tiña diñeiro para producir un proxecto deste tipo sen precarizar xente ou sen pedir moitísimos favores, e así non o tería feito porque non me parece ético. Non se lle poder pedir á xente que traballe e que o faga de balde. Por iso o crowdfunding, tamén coa idea de dignificar o traballo artístico.

A campaña foi magnífica, a resposta foi incríbel porque para min era unha cantidade súper alta e tendo en conta a situación económica da xente que me rodea, ao principio parecíame demasiado ambicioso conseguir os 4.500 euros que pedía. E a verdade é que houbo moita xente que achegou desde sete euros, que era a cantidade mínima, até cantidades moito máis altas. Mesmo a nivel de autoestima foi moi lindo porque vin que as cousas que propoño, hai xente que cre nelas e que quere que as leve a cabo.

Con Suor tamén aprendín que non hai que saír da Galiza para poder facer traballos como este; podemos desenvolver aquí os nosos proxectos, aínda que é difícil que non sexa precario, xa que se revela moi difícil competir contra o capitalismo. 

—Cal é a situación da música en galego?

Estamos nun momento de explosión de creatividade con moita xente facendo moito e moi ben. Como sempre, contra vento e marea, con circunstancias moi desfavorábeis en xeral. Encontrámonos con situacións de invisibilidade fronte a outros lugares, mais vexo na Galiza unha gran riqueza de xéneros e de ideas que dan alento.

Tamén creo que a xente galega antes non valorizaba tanto o que se fai aquí como se valoriza actualmente.

—Que papel desempeñan as Administracións na promoción da cultura galega?

As Administracións xogan un papel importante de contratar artistas locais para concertos. Eu creo que sería moito máis sostíbel apostar por eventos máis pequenos e non masificados, o mesmo que co comercio local.

—Que depara o futuro ao Rabelo?

Agora estou máis concentrado no presente. Faime moita ilusión estar dando concertos e presentando Suor. Estou xogando co vestiario e coa maquillaxe, algo ao que lle tiña medo polo enfoque de xénero que tivo na miña vida como persoa socializada como muller, sendo unha persoa trans.

Comentarios