Homenaxe a Miro Casabella

Miro Casabella, o quinto neto dun cego cantor de coplas

Con motivo da homenaxe que estes días lle rende o Concello de Cambre a Miro Casabella, publicamos un texto de Xosé Casabella, irmá de Miro, en clave familiar.

Irmáns Casabella
photo_camera [Imaxe: Cedida]

No seo dunha familia de comerciantes dun pequeno pobo da provincia de Lugo, Ferreira do Valadouro, xorde para a canción galega o cantautor Miro Casabella. Pero non de forma espontánea. Foi preciso que súa prima Elsira (emigrada en Venezuela) lle regalara una guitarra, por ver se emulaba o seu avó Cecilio. Sendo aínda rapaz, Cecilio quedou completamente cego a causa da varíola, pero coa perda da visión aquel neno desenrolou outras capacidades que lle permitiron acadar as habilidades necesarias para completar unha vida chea de experiencias. Cecilio vivía coa súa familia na parroquia de Frexulfe (O Valadouro) e aprendeu a tocar o violín cun cego que vivía “na montaña”, cerca de Labrada (Abadín). Para asistir ás clases debía percorrer a pé moitos quilómetros e pernoctar na casa do profesor. Probablemente, o seu mestre musical fose, segundo información facilitada por Francisco Piñeiro González, o “O cego de Espiñarcao”, Manuel Reigosa. E, seguramente aconsellado polo seu mestre, Cecilio decidise realizar a súa primeira expedición á Arxentina (ano 1900) en compañía de Eliseo Cabeza, fillo de solteira da súa muller Amalia. A experiencia americana, tocando o violín en clubs privados, debeu resultar proveitosa e rendible, de maneira que Cecilio aínda realizaría dúas novas viaxes á Arxentina (en 1910 e 1915), agora en compañía dun dos Roquitos de Lagoa que tocaba o clarinete con el.

En Ferreira, Miro esforzábase por sacar algunhas notas daquela súa primeira guitarra, pero avanzaba moi lentamente. Foi precisa a axuda daquel moi querido médico, Don Pepe (Pepe Mel), do que aprendeu os primeiros acordes e posicións que lle permitiron comezar a “facer” música. Os primeiros pasos musicais deunos Miro con dous veciños, Quico Cancio e Nano Lorenzo, cos que formou o Trío Soberano, baixo o patrocinio do representante do coñac do mesmo nome. Cantaban cancións populares e facían versións de temas de moda, que preparaban teimudamente nunha pequena bufarda da nosa casa, que chamaron “Garibolo”, e que aínda conservamos intacta.

Co apoio da familia, Miro inicia unha nova etapa cando se despraza a estudar a Barcelona no ano 1964, onde residirá ata o ano 1970. Alí participa na tuna universitaria de Arquitectura Técnica, coñece a súa muller, Mónica, e ábrenselle novas posibilidades que non fan máis que enriquecer a súa personalidade. É preciso recordar que nese momento en Cataluña se está producindo un rexurdimento cultural e político do que agroma inmediatamente a “Nova Cançó”, co valenciano Raimon á fronte, o que lle produce a Miro unha grande impresión. Pouco a a pouco esta nova situación emerxente trasládase a Galicia, impulsada inicialmente polo poeta Manuel María, o que dará lugar á Nova Canción Galega e ao grupo Voces Ceibes. A editora musical Edigsa comeza a editar discos en galego de poesía e música. Nese intre Miro saca á luz algunha das súas primeiras creacións, con letras propias, de Xavier Costa Clavell e de destacados poetas galegos, Rosalía de Castro, Curros Enríquez, etc. A pesar de esa escasa e reducida bagaxe musical, Miro foi seleccionado para participar no I Festival Internacional da Canción de Barcelona, coa súa composición Soia, onde gaña o terceiro premio, actuando xunto a Joan Manuel Serrat, Pí de la Serra, e outros destacados cantantes e compositores.

No ano 1969, Miro edita un segundo disco con letras de Celso Emilio Ferreiro, Cantigas de Escarnio e Maldicer e, xa definitivamente integrado no grupo Voces Ceibes, trasládase a Galicia, fixando a súa residencia na Coruña. Aínda así, non descoida a súa relación con músicos e cantantes doutras nacionalidades, participando en festivais cos máis destacados da canción de autor daqueles anos, Paco Ibáñez, Raimon, Labordeta, Mikel Laboa, etc., actuando nos Festivais da nova canción dos pobos ibéricos por toda Europa. Como importante foi o recital con Raimon na Coruña en outubro do 2008 e outros tantos con Voces Ceibes.

O gran pintor galego, Luís Seoane, escribía no ano 1973 en La Voz de Galicia: “Miro fala do seu avó Cecilio, que fixo cartos tocando o violín na Arxentina... Miro é un xograr do noso tempo que lle veu o amor á música como herdanza do seu avó. No ano 1972 actúa en París diante dun auditorio de 600 mil persoas xunto a Paco Ibáñez, Joan Baez, Georges Moustaky, Mikis Teodorakis....Segue a cantar o amor a Galicia, cuxas desditas veñen dende moi lonxe porque el sabe que hoxe a canción ten unha obriga nova...”.

 [Esta colaboración foi publicada no A FONDO especial Miro Casabella, recollido no Sermos Galiza 255, á venda na loxa]

Comentarios