A Irmandade conmemora o cabodano do poeta

Quince anos sen Manuel María

A Irmandade Manuel María conmemora o vindeiro 8 de agosto 15 anos do pasamento de Manuel María. Farao cunha xornada con epicentro en Outeiro de Rei, lugar natal do poeta en 1929, e título Memoria da Chaira Enteira.
Manuel María
photo_camera O poeta Manuel María. Foto: cedida.

Os actos comezarán cun xantar no restaurante Río Ladra, en Outeiro de Rei. Seguirán ás cinco da tarde cun recital poético musical en Penas de Rodas, lugar de referencia para Manuel María en que impresionantes rochas decoran a paisaxe da Terra Cha.

Ás seis, a comitiva levará unha rosa ao cemiterio de Outeiro de Rei. Alí tamén se lerán e versos e comunicados de adhesión. A benvida será co canto da Irmandade: O Carro, letra de Manuel María e versión de Mero Iglesias. Media hora despois, a organización entregará as súas distincións: a Navalla de Manuel María.

Este ano hai dous homenaxeados. O primeiro, Xosé Estévez, que, presentado polo escritor Paco Martín, recibirá o galardón da man de Branca Rodríguez. O segundo, a xeito póstumo, Xabier Puente Docampo. A loanza correrá a cargo de Mero Iglesias.

O “bocado comunal e grolo”, máis poesía e máis música, porán o ramo ao décimo quinto cabodano do autor de Morrendo a cada intre (1952).

Comentarios