Quico Obelleiro, do CEIP Padín Truiteiro, premio á innovación educativa

Quico Obelleiro: "Ás nenas e nenos chamáballes a atención que os irmandiños botasen abaixo fortalezas"

Profundar na nosa cultura e patrimonio. É un dos obxectivos do proxecto Viaxe á Idade Media a través do castelo de Soutomaior, que vén de ser recoñecido na VII edición do Concurso de Traballos por Proxectos da Consellaría de Educación. Conversamos con Quico Obelleiro, director do CEIP Manuel Padín Truiteiro e un dos responsábeis da iniciativa.
Quico Obelleiro é ensinante e director do colexio CEIP Manuel Padín Truiteiro, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Quico Obelleiro é ensinante e director do colexio CEIP Manuel Padín Truiteiro, en Soutomaior. (Foto: Nós Diario)

Como xorde o proxecto?

Tiñamos un tesouro aquí, ao carón da casa, que é o castelo de Soutomaior, e non nos decatamos até hai dous anos. Isto sae no momento en que tomamos a dirección un grupo de persoas e decidimos cambiar un pouco o rumbo do colexio. Nun primeiro momento puxémonos de acordo en que había que comezar a ensinar doutro modo. Propuxemos ás compañeiras e compañeiros preparar distintos proxectos. A xente achegou ideas e, cando unha compañeira propuxo o castelo, a chispa que sentín foi importante.

Eu son de conxugar a primeira persoa do plural, o 'nós' compartido, democrático e plural onde todas e todos decidimos. A inmensa maioría escolleu o castelo de Soutomaior e fómoslle dando forma.

En que consiste Viaxe á Idade Media a través do Castelo de Soutomaior?

O proxecto céntrase nun achegamento á Idade Media a través do noso castelo e da figura de Pedro Álvarez de Soutomaior. Deu un xogo fantástico en todas as materias, desde galego até a plástica, a música... A idea era que servise para todo, non soamente se trata o tema histórico, senón moitas cuestións. Había moitos nenos e nenas que non foran nunca ao castelo e tampouco hai nada gardado sobre Pedro Álvarez, nin sequera pequenas pinturas ou esculturas. Foron imaxinando eles todo e foi moi bonito.

Que obxectivos persegue?

A aposta por ensinar doutro modo, onde as cativas e os cativos realizan unha investigación a través dun descubrimento que os mestres van guiando. Desta forma, séntense os verdadeiros protagonistas do ensino. Tratamos de apostar polo traballo cooperativo, un novo ensino onde o libro só serve para consultar e os mestres preparan o material para que o alumnado poida buscar a información.  

Lembro cando nos falaban dos socalcos e nos puñan fotos de Vietnam, de Tailandia... cando aquí ao lado, en Arcade (Soutomaior), temos uns socalcos fermosísimos onde a xente traballaba o seu minifundio. Ás veces, tratar a contorna é moito mellor, porque ás crianzas fáiselle todo máis visíbel e críbel, todo ten máis significado.

Como se foi desenvolvendo?

Desde a comunidade educativa achegamos ideas a través dun núcleo principal, que foi a biblioteca. Foi outra cuestión da que nos demos conta desde dirección. Tiñamos moita actividade feita durante anos e faciamos moitas cousas, pero non tiñan un contido nin uns obxectivos claros que nos identificasen o colexio como grupo. 

Logo, fomos presentando as actividades aos pais e nais e pedíndolles unha man con certos proxectos, como foi o caso das fortalezas. Aos nenos chamáballes moito a atención como os irmandiños eran capaces de botar abaixo as fortalezas e pensaban como serían. Cada un imaxinou a súa e saíron traballos moi bonitos.

Estanse a levar a cabo outros proxectos a día de hoxe?

Agora estamos desenvolvendo un de sostibilidade. Partimos do castelo para analizar como sería a auga naquel momento e como é hoxe en día. Resulta curioso ver como os cativos se van decatando de que o castelo non está construído ao azar, senón que hai regos, fontes, minas de auga... Descobren como aproveitaban a auga e a súa importancia. Logo trasladámolo á actualidade, coas problemáticas vixentes, a contaminación, o que podemos facer nós para mellorar un ben e non estragalo...  

Decatámonos do relevantes que son estes proxectos de formación. Procuramos a felicidade das crianzas, que veñan contentas á escola e que saiban que veñen a aprender. Cada un, como comunidade educativa, ten que deixar a súa pegada do bo facer. Somos un colexio cun ambiente agradábel, que traballa moito e que está perto das compañeiras e compañeiros e das familias. É a nosa filosofía.

Comentarios