Quico Cadaval dirixirá o primeiro Valle en galego, 'A cabeza do dragón'

A compañía Producións Teatrais Excéntricas estrea en o 3 de marzo en Compostela o primeiro Valle-Inclán en galego, unha farsa titulada 'A cabeza do dragón', que percorrerá toda Galiza e tamén se representará en Portugal. Adiántase así á estrea do CDG de dúas pezas do arousán, prevista para o 31 de marzo. 

20160112123217-cartaz-jacques-web-web
photo_camera Imaxe da última produción de Excéntricas: 'Os amores de Jacques o Fatalista'

Oitenta e un anos despois do pasamento do escritor e dramaturgo galego Ramón María del Valle-Inclán, a súa obra poderá ser gozada por primeira vez en galego. Será a peza “A Cabeza do Dragón” montada por Producións Teatrais Excéntricas -con Quico Cadaval ao fronte- a encargada de poñela sobre as táboas. O elenco está formado por Iván Marcos, Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira, María Costas, Josito Porto, Yelena Molina, Marcos Orsi e o propio Cadaval. O Teatro Principal de Compostela será quen acolla a estrea desta obra, o 3 de marzo, e será testemuña de seis representacións do primeiro Valle-Inclán galego até o sábado 11 de marzo, para chegar, o 17 ás táboas do Teatro Colón, onde permanecerá en cartel até o venres 18 con dúas representacións programadas.

"A Cabeza do Dragón” foi incluída polo autor, Ramón María del Valle-Inclán, nunha coleción de farsas que, titulou, ironicamente, “Retablo de marionetas para educación de príncipes”. A historia conta, mais unha vez, a viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo, e tamén na nosa, a cultura europea. Nesta fábula Valle-Inclán introduce elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais, comentarios alleos á tradición do conto marabilloso... A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan de actualidade. Valle-Inclán, coas oportunas manipulacións, leva a fábula ao grotesco contemporáneo que el creou: o esperpento.

A montaxe conta con Baltasar Patiño como responsable escénico e de iluminación. E a música foi composta ex profeso por Javier María López para este espectáculo. A gravación será dirixida polo director de orquesta Diego García, comandando o Taller Atlántico Contemporáneo). 

'A Cabeza do Dragón' estará do 3 ao 11 de marzo en Compostela; o 17 e 18 na Coruña; o 24 no Barco de Valdeorras; o 25 en Cangas; o 1 d abril en Muros; o 21 en Vigo; o 22 en Oleiros; o 6 de maio en Noia; o 12 na Estrada; o 23 en Rianxo; o 19 en Lalín;  e o 20 terá lugar a estrea en Portugal, en Matosinhos.