Iria do Castelo: "Quero converter o Castelo Studio nun centro de intercambio das disciplinas artísticas"

A creadora natural de Culleredo decidiu abrir a súa casa e o seu estudio en 2015. Desde entón decenas de artistas profesionais e persoas interesadas pola arte pasaron pola súa casa e coñeceron un pouco máis sobre a vida no rural.
CASTELOSTUDIO.eltaller-135+copia
photo_camera Iria do Castelo no seu estudio de Culleredo (Foto: Melissa Adams)

Iria do Castelo (nome artístico co que se bautizou para manter as súas raíces) atreveuse hai un tempo a abrir as portas da súa casa familiar, na aldea de Castelo, en Culleredo. Grazas a ela, decenas de artistas internacionais viviron xa a experiencia de traballar e inspirarse no rural galego. Da súa obra di que o importante é o que transmite.

Avante Pouca
Como xurdiu a iniciativa artística do Castelo Studio?

Castelo Studio é a miña casa particular, é onde eu vivo desde hai moitos anos e é tamén o meu estudio. Nos primeiros anos da miña carreira tiña un local compartido con dous compañeiros e, desde hai xa uns anos, decidimos facer carreira en solitario. Entón trasladei o meu estudio á casa. A partir de 2015 decidín abrir as portas para compartilo. É unha casa tradicional galega moi ampla e trátase dun estilo de vida que vai máis aló do que é o estudo de arte. 

Vostede é natural de Castelo, mais por que pensou que podería ser atractiva a zona para outros profesionais?
A min faime enormemente feliz e parecíame que podía ser bonito compartir os valores. Trasladar un estilo de vida máis rural, máis sostíbel e máis en contacto co medio e o traballo tradicional. 

Cando chegaron as e os primeiros hóspedes?
Como artista acostumo facer residencias internacionais unha ou dúas veces ao ano. Nesas viaxes entrei en contacto con outras artistas que despois viñan por Castelo a visitarme. O Castelo Studio funcionaba coa visita de amigas e amigos desde sempre e viñan a traballar ou a visitarme. Na primeira sesión coincidiu que había aquí unha amiga de Xapón, outra da India, unha ilustradora de Austria, unha pintora de Madrid e unha gravadora de Italia. Pareceume que nunha vila tan pequena non era moi común ter cinco artistas con boa traxectoria e con talento nas mesmas datas na casa. Entón decidín facer a primeira sesión de portas abertas todas xuntas e funcionou moi ben. 

Avante Media 
Deuse unha evolución a partir da primeira cita?

O ano seguinte repetín. Os primeiros anos foi simplemente unha sesión e, pouco a pouco, foise instaurando este hábito. Agora xa hai outras e outros deseñadores e artistas que escriben para vir e outras veces convido eu. Converteuse en algo máis dinámico. Xa fixen oficiais as residencias para artistas e non só para amizades.  

Está aberto tamén á xente que quere aprender?
Para a maioría das actividades non é necesario ter coñecementos previos. Acostuman a ser obradoiros de iniciación ou nos que a persoa mestra se adapta ao nivel da xente. O que importa son as ganas e a actitude. Malia que hai residencias específicas para artistas profesionais –este ano lancei a primeira bolsa internacional en colaboración cun espazo de Berlín–, a gran maioría son para que eses artistas compartan o que saben con público que teña interese. 

Cal é o seu obxectivo para este lugar de encontro?
Quero converter isto nun centro de intercambio de todas as disciplinas artísticas. 

Avante Toda
As residencias son só para compartir espazo de traballo ou dá leccións?  
Hai dúas opcións. Unha para artistas profesionais en cuxas residencias eu non interveño e, simplemente, comparto espazo pero son independentes para facer o seu proxecto. Hai outra de residencias para dúas persoas na que eu dou a clase e exerzo de guía no proxecto. E inclúe unha noite nunha cabana de madeira sostíbel que hai na finca e que leva a ese soño que moitos tiñamos na infancia, pero con todas as comodidades. 

En que tipo de obra traballa cando non ten visita na casa?
Obra persoal para distintos proxectos expositivos. Estou traballando para a próxima exposición colectiva na Fundación Camilo José Cela de Padrón. Combino obra persoal con ilustración de encargo, mais traballo con diferentes disciplinas. Para min o importante é o que quero transmitir, non o medio. 

Comentarios