venres 17.01.2020
Revirada Revista Feminista

"Queriamos axudar a revolvernos por dentro"

Revirada Revista Feminista comezou a andaina en 2015 na Couña. Após presentar o número 5, pechando xira en Compostela na sexta 10 de xaneiro, as editoras teñen a vista xa posta no seguinte volume. Paloma F. Balado repasa connosco este proxecto nado para recoller aquelas voces dos feminismos que non atopaban saída noutros medios.
A equipa editorial : Mariola Mourelo, Giada Maria Barcellona, Paloma F. Balado e Sara M. Bello.
A equipa editorial : Mariola Mourelo, Giada Maria Barcellona, Paloma F. Balado e Sara M. Bello.

Como se sustenta Revirada?

Estou orgullosa de dicir que somos autoxeridas e non estamos en números vermellos, o que me parece un gran logro. Arrincamos cunha pequena achega económica persoal no seu momento, mais actualmente financiámonos coa venda das propias revistas e outros materiais, como colantes. As subscricións axudan moito, porque nos dan unha base para pagar a edición e recuperar os cartos.

A temática atende diferentes eidos, mais sempre desde unha perspectiva feminista. Cales serían os requisitos para publicar un texto?

Por suposto, temos unha perspectiva claramente feminista, entón xa contamos con que a xente que nos mande os textos terá iso en conta.  É certo que cada número ten un tema distinto, o cinco, por exemplo, foi sobre "Receitas feministas antifascistas". O novo, que vai ter 40 follas —dándolle unha volta ao formato para amplialo, porque se nos queda un pouco curto— vai tratar como o feminismo tamén ten loitas internas e contradicións, polo que agardamos que a xente nos mande cousas moi diversas. En xeral, damos cabida a voces moi distintas, pois tamén diso trata o feminismo. Desde persoas de Mozambique, até xente de aquí falando do rural galego ou da arte. 

Falando do que vén, o número 6 titúlase "Há um elefante na sala". A que se refire?

Fai alusión a esa idea das presenzas incómodas que hai nos feminismos, que provocan contradicións, a nivel persoal ou colectivo. Queriamos axudar a revolvernos un pouco por dentro todas, a autoanalizarnos, porque esas tamén son perspectivas que nos parecen moi interesantes. 

Ademais, optan pola norma do galego reintegrado. 

A nosa equipa editorial fixo esta aposta lingüística, pero a xente que nos escribe faino en calquera lingua e nós mantemos iso. Criamos que a parte lingüística era moi importante, respectando a escolla de cadaquén, igual que nós estamos posicionadas na nosa. Non queremos que alguén deixe de escribir por iso.  

Como valoran o pulo que se está a dar no feminismo?

Somos catro na equipa, pero temos voces moi distintas. A nivel persoal, eu penso que é positivo, porque se acadan logros quer no institucional quer na rúa. É máis mainstream, que normalmente é negativo, pero neste caso penso que acontece ao revés. Vexo un cambio brutal nas novas xeracións, as mozas veñen pisando forte. Logo pode haber colectivos que se intentan subir ao carro para darse publicidade, o que tamén é un fenómeno a analizar.

comentarios