domingo 29/11/20
María Vázquez, actriz

"Quería traballar desde aquí e en galego"

María Vázquez (Vigo, 1979) inaugura a 33ª edición de Cineuropa como galardoada cun dos premios que outorga o festival compostelán. A actriz desenvolveu unha carreira relevante no cinema e na televisión estatal, baixo as ordes de directores como Montxo Armendáriz en Silencio Roto ou Icíar Bollaín en Mataharis, mais sen se desvincular nunca da súa terra. Hai algúns anos que volveu para a Galiza. A súa actuación en Trote (Xacio Baño), filme que pasou por festivais de renome internacional como Locarno, Suíza ou San Sebastián, foi especialmente recoñecida. Eis un estrato da entrevista publicada no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza.

Cando decidiu que quería dedicarse á interpretación?

Non houbo un momento concreto, no fondo sempre o souben. A miña familia adoita recordarme que cando de cativa me castigaban no cuarto de baño, facía sempre monólogos e entrevistas alí dentro. Case me encantaba que me rifasen para ter o meu momento actoral [ri]. Eu supostamente quería ser bailarina. De feito, fixen ballet clásico durante moitos anos, pero se o penso sacaba sempre suficiente en técnica e sobresaliente en expresión nos exames de ballet. Iso xa quería dicir algo. De maneira máis consciente, con 18 anos marchei a Madrid para seguir formándome en danza e empecei tamén en interpretación, para complementar un pouco. Aí descubrín que non quería bailar, senón actuar. 

Comezou daquela a traballar a nivel estatal.

Si, pero case desde o principio traballei aquí tamén porque sempre tiven moi en mente que iso era o que desexaba: actuar nos dous sitios. Non quería afastarme nunca da Galiza e de feito até volvín  vivir aquí. Eu digo que foi un pouco por militancia, pois tiña moi claro que quería traballar desde aquí e en galego. 

SG37215

Pensa que iso é doado?

Antes todo o mundo me dicía que estaba tola, porque como che digo é unha idea que tiven sempre. Mais penso que hoxe en día é unha realidade, si que se pode. E non só iso, senón que a xente de fóra xa non ve como algo raro que queiras vivir na Galiza. Tamén vexo que cada vez hai máis emprego aquí. De feito, no Cineuropa deste ano hai 17 películas galegas, así que traballo hai. Con todo, insisto en que hai que coidalo e fomentalo, pero cada vez hai máis e fanse cousas moi interesantes. 

Estamos nun bo momento para o audiovisual galego?

Si, aínda que ás veces me dá medo dicilo para que non se relaxe a situación. O momento é positivo, mais tamén grazas ao esforzo de moita xente, porque moitas veces traballamos de maneira precaria para conseguir sacar as cousas adiante. Porén, isto está tendo efecto e pouco a pouco hai, por exemplo, máis festivais de calidade, que ao final son un referente e contribúen a formar moita xente. E logo internacionalmente, hai gran cantidade de directores premiados en moitos festivais, co recoñecemento que isto supón para o noso cinema.

Falta se cadra conseguir que certa parte do traballo deixe de estar tan precarizada?

Si. Coido que hai de todo, porque tamén a boa saúde do noso cinema se ve na diversidade. Este ano con Quen a ferro mata e O que arde, o ano pasado estaba Trote e A sombra da lei. Dous mundos tan diferentes conviven porque hai unha boa saúde. Porén, fican cousas por sacar da precariedade. Aínda se fan películas con moi poucos medios e con moito esforzo de moitas persoas. Iso está moi ben pero tamén hai que prestixiar o traballo das profesionais e pagalo como se debe.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] 

comentarios