Queres presentar o teu proxecto no Culturgal? O prazo remata o 3 de outubro

Tes un proxecto que queres presentar no Culturgal? O día 3 de outubro remata o prazo para pechar a programación da Feira das Industrias Culturais que se celebrará do 5 ao 7 de decembro en Pontevedra. 

Culturgal
photo_camera Culturgal

Do 5 ao 7 de decembro o Pazo da Cultura de Pontevedra converterase no maior escaparate das industrias culturais no que poderán presentarse proxectos de empresas, asociacións, entidades ou creadores e creadoras. A organización de Culturgal anima a presentar propostas nestes últimos días de recepción de proxectos que participarán na programación da nova edición. 

Música, Libros, Tecnoloxía, Audiovisual, Infantil, Artes Escénicas ou Gastrocultura son algúns dos ámbitos das 150 actividades que cada ano constrúen o programa do Culturgal, aberto ás propostas máis imaxinativas e anovadoras. O prazo para enviar propostas remata o día 3 de outubro. 

15.000 visitantes

Desde a organización de Culturgal lembran que arredor de 15.000 visitantes pasaron na anterior edición polo Pazo da Cultura para se atoparen co máis novo da produción cultural galega, cun elevado nivel de vendas nesas datas próximas ás festas de Nadal. Convidan a propoñer actividades en todos os seus apartados, desde o Espazo Carpa, destinado en especial á música ao vivo, ate o Espazo Cine ou o Espazo Foro, no que se mostran as máis sorprendentes propostas de anovar na cultura. A noite do sábado 6 de decembro, para adult@s, e a mañá do domingo 7, para público infantil, abrirase tamén o Auditorio do Pazo da Cultura, para o que se poden facer tamén propostas. 

Presentacións e showcases de media hora son as formas privilexiadas do programa do Culturgal mais todo é posíbel nunha feira na que a actividade non se detén durante tres días. Os proxectos e iniciativas recíbense no correo [email protected] e as bases de participación poden consultarse no web www.culturgal.com.

Comentarios