CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Se queren gozar plenamente de 'Dhogs' non lean esta crítica

dhogs1
photo_camera Un fotograma do filme.

DHOGS

(Galiza 2017, 85 min.)

Dirección e guión: Andrés Goteira

Fotografía: Lucía C. Pan

Música: Óscar Trigo e Germán Díaz

Elenco: Melania Cruz, Carlos Blanco, Antonio Durán ‘Morris’, Iván Marcos, Miguel de Lira, María Costas, Suso López, Roi Gantes, Milo Taboada, Alejandro Carro, Xosé López, Enrique Lojo, Brais Yanek

SINOPSE

Álex (Melania Cruz) goza dunha última copa no bar dun hotel. Alí coñece un maduro executivo co que inicia unha fugaz aventura. Non sospeita que tras o encontro casual comezará unha vaga de violencia sen motivo aparente.

 

CRÍTICA

No oficio da crítica cinematográfica adoita haber certa tendencia a soltar a pastar o ego cinéfilo máis pomposo, un ego caprichoso que se vai tornando bilioso co paso dos anos, alimentado das filias pero, sobre todo, das fobias. Cada certo tempo é necesario facer introspección para non caer nesta dinámica rancia que só leva a perder de vista o obxectivo de toda crítica cinematográfica: “ser unha guía para o público espectador”. Eu adoito engadir outra máxima: “o número de spoilers é inversamente proporcional á calidade do filme”.

 

Segundo estas dúas premisas a crítica de Dhogs non debería contar con máis dunha ou dúas frases: “acudan ao cinema, pero non lean nada antes de vela”. A sinopse debería ser outro tanto: “unha parella atópase... e pasan cousas”. De feito o de “pasan cousas” debería ser un comodín a usar desde xa, sobre todo para certos filmes... Resumindo, se queren gozar en condicións óptimas da “experiencia Dhogs”, non lean nada, de feito no deberían estar a ler nin esta crítica de cinema...

 

De seguro que se estará a preguntar a que vén esta teima. Pois a cousa non vai tanto do tema spoilers (pois o que acontece en Doghs é tan anómalo e multicapas que facer un spoiler resulta case unha brincadeira), senón máis nun acto de xenerosidade do que subscribe. O super-ego cinéfilo incítame recomendar, encarecidamente, que non lea máis. Pare xa. Cando menos até que vexa o filme... Acuda virxe, sen saber nada, de cero... Só diga: “unha entrada (ou as que sexan) para Dhogs”, sente na butaca, baleire a mente de prexuízos, e... ben, se continúa a ler corre o risco de perder unha das experiencias audiovisuais do ano. Por suposto ten vostede a decisión de pasar ao seguinte parágrafo ou deixalo xusto aquí... Logo non diga que non avisei.

 

Elixiu vostede continuar. Pois ben, o meirense Andrés Goteira debuta na longametraxe de ficción cun filme inclasificábel que vai tocando varios xéneros (comedia romántica, cinema experimental, drama, thriller, western, terror) pero sobre todo acada algo inusitado, algo que non adoita acontecer nunha sala de cinema: obriga a participar ao espectador no propio filme, queira ou non queira. E faino desde o primeiro minuto.

 

Dhogs xoga coa mente do público espectador; co que sinte, co que percibe, coas súas sensacións. Faille crer que está ante un filme de autor, de arte e ensaio, seica teatro filmado, un filme raro... Pero nada diso, todo forma parte dun preciso quebracabezas que desconcertará a propios e estraños até alcanzar un clímax no que, cada quen, terá que tomar a súa propia decisión persoal sobre o que está a acontecer en pantalla. Haberá, por tanto, tantas experiencias particulares como asistentes na sala; moita xente coincidirá na mesma opción, mais haberá algunha que non... e pensar que iso pode pasar produce bastante máis inquietude que moitas das cousas que acontecen en Dhogs. Non só traspasa a cuarta parede, senón que lle dá a volta. Remexerá conciencias, e algún que outro estómago tamén...

 

Cinema coral dividido en episodios cun mesmo nexo de unión: a sufrida Melania Cruz (Serramoura). Destacan tamén Antonio Durán ‘Morris’ (A esmorga), Miguel de Lira (Os fenómenos), Iván Marcos (Fariña), María Costas (Casa Manola) ou un Carlos Blanco (Heroína) que, se ben non ten o mellor rol da trama, si está xusto na liña que precisa a personaxe que interpreta, motivo polo cal acadou o premio a Mellor Actor no Nocturna Madrid, festival no que Dhogs colleitou tamén o de Mellor Filme. Sen esquecer os flamantes 13 premios Mestre Mateo que colleitou na última edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual, ou o recente premio a Mellor Longametraxe no Panorama Fantástico do FANT de Bilbao, ou o Premio da crítica no BIFFF de Bruxelas, ou o de Mellor filme no Filmfest de Split... e os que están por vir.

 

Unha achega intelixente, de orixinalidade incuestionábel, non carente de referentes cinéfilos tan recoñecíbeis como Leos Carax (Holy Motors), Jim Jarmusch (Night on Earth), Lars von Trier (Dogville) ou incluso Wes Craven (As colinas teñen ollos). Xenial debut de Andrés Goteira que vén constatar que o cinema galego está en plena forma.

Comentarios