Aventeira crea "U-lo Xurxo", unha escape room en liña: "Queremos ofrecer entretemento en galego"

As socias de Aventeira están moi preocupadas… o seu amigo, Xurxo Crespo, estaba a facer o camiño de Santiago e quedara en visitalos… Mais nunca se puxo en contacto. O último que se sabe del é que andaba por Silleda na noite do 21 de febreiro... Agora precisan axuda para resolver o misterio: "U-lo Xurxo?". Ao estilo Escape Room, mais en galego e ambientado na Galiza, é este un xogo en liña que veñen de crear en Aventeira. Aténdenos Aitor Novo, socio desta cooperativa, para resolver a intriga
Aitor Novo, integrante de Aventeira, está a ver se resolve o misterio de "U-lo Xurxo?" (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Aitor Novo, integrante de Aventeira, está a ver se resolve o misterio de "U-lo Xurxo?" (Imaxe: Nós Diario)

Que nos pode contar  sobre "U-lo Xurxo"?

Este é un xogo en liña que fixemos a xente de Aventeira, de balde, un pouquiño coa idea de crear un xogo deste estilo en galego e ambientado na Galiza. Decatámonos de que neste momento, no que a xente ten que estar confinada na súa casa, hai moitas persoas que están buscando cousiñas que facer a través de internet, mais que poidan facer tamén con amigos. Xa que nós traballamos en cuestións de tempo libre e facemos grandes xogos, con campamentos tamén para adultos, pensamos crear algo que fose noso, para achegar así o noso gran de area.

E cal é a historia de Xurxo?

Aínda que non é unha Escape Room en sentido literal, pois non hai ningún sitio do que escapar en realidade, si seguimos esa dinámica. A persoa xogadora ten que ir seguindo unhas pistas e ir descifrando pequenas incógnitas que atopará no decorrer da historia para seguirlle a pista a este personaxe que é Xurxo. El é un peregrino que está a facer o camiño de Santiago e do que se perdeu o rastro. Como xogadora, tes que ir averiguando detalles segundo avanzas e investigas, tamén a través de internet, para atopar a localización deste peregrino perdido. O xogo está pensado para que sexa máis divertido se se xoga entre varias persoas, tanto a nivel familiar como con amizades a distancia. 

Por que sitios da Galiza  nos pode levar o xogo?

Non podemos contar moito... Hai que averigualo! Sabemos que Xurxo estaba facendo o camiño de Santiago e que tiña que pasar unha noite en Silleda. Partindo de aí, temos que seguirlle a pista. De momento, está publicada unha primeira parte, mais agardamos que teña unha segunda e terceira para que nos leve por máis sitios. Estamos moi contentas pola aceptación que está tendo este xogo. Ogallá chegue a máis xente e teña máis participación.

En Aventeira xa están acostumados a desenvolver grandes xogos?  

Traballamos moito en campamentos, tanto con rapazada como con adultos, en dinamización turística e tamén, si, con grandes xogos deste estilo, coma as Mystery Night. Procuramos, á parte, que todas as cousas que fagamos teñan un forte contido educativo. Sempre formulamos iniciativas cunha perspectiva transformadora, de modo que non sexa só entreter. Neste caso, a nosa premisa é compartir a cultura da nosa terra e ofrecer entretemento en lingua galega.  

Como nace Aventeira? 

Aventeira somos un cooperativa sen ánimo de lucro e levamos ano e medio de vida. Somos seis persoas que nos xuntamos coa idea de facer tempo libre e alternativas de lecer de calidade, desde un punto de vista transformador, educativo e diferente. Temos un obxectivo social, de achegar o noso gran de area e, ao mesmo tempo, poder vivir do que máis nos gusta e do que mellor sabemos facer. Durante o verán, dedicámonos máis ao tempo libre, aos campamentos. No inverno, facemos outras cousiñas como a xestión cultural da Illa de San Simón ou programas de mobilidade xuvenil como Galeuropa, o que nos permite traballar en dinamización xuvenil durante todo o ano. 

Teñen alternativas de  lecer as adolescentes?  

O lecer das adolescentes normalmente está vinculado con certas actividades e nós intentamos fuxir de aí. A nosa idea sempre é ofrecer alternativas de lecer que sexan saudábeis, que sexan renovadoras e que presenten un compoñente educativo. Ademais, a rapazada desfrútao moito. Existen iniciativas como o programa Nocturnia, na Coruña, ou as Noites Abertas, en Pontevedra, que teñen moi boa participación. Son iniciativas de ocio nocturno para a chavalada, con moitísimo potencial, aínda que posibelmente menos accesíbel, mais agradéceo e desfrútao moito. 

Comentarios