Cultura

#Querémolo: acreditar o CELGA fóra da Galiza

Unha campaña de Instagram pide exames "máis alá da Ponferrada"
Alumnado do curso de galego de Aula d'Idiomes.
photo_camera Alumnado do curso de galego de Aula d'Idiomes.

O domingo 31 de maio vai arrincar na rede unha nova campaña para defensa e promoción do galego. Baixo o cancelo #Querémolo, alumnado de galego residente en Barcelona vai reclamar que a Xunta realice probas para a obtención do Certificado de Estudos de Lingua Galega (Celga) fóra dos límites territoriais da Galiza e "máis lonxe da Ponferrada".

Esta iniciativa promóvese desde a conta Instagram en galego, como froito do traballo do seu xestor, Carlos Vieito, como profesor de galego durante os anos que viviu en Barcelona. No seu tempo de lecer uníase á equipa docente da cooperativa Aula d'Idiomes, con sede nos barrios de Sants e Gracia. O que comezou sendo unha aula pequena, de seis alumnas, tornaría cos anos en varios niveis e un grupo de intercambio galego-catalán.

O alumnado, heteroxéneo pero unido pola súa paixón por escoitar, aprender e compartir (como cantaba Dakidarría) o galego, non acudía con fins curriculares, como si acontecía con outras linguas do centro. Mais non por iso deixaba de ser chocante seren as únicas que non podían acreditar de maneira oficial os seus coñecementos.

Actualmente, as persoas que viven fóra do país e desexan sacar algún título de lingua galega deben viaxar a Compostela, Lugo ou Ponferrada, pois son os únicos lugares onde se convocan exames do Celga. Isto, cando se vive a 2.000 quilómetros, non é tan doado, especialmente porque as probas se convocan con moi pouca antelación, "un mes antes ou nalgunha ocasión só 15 días", conta Vieito.

As probas convócanse con moi pouca antelación, "un mes antes ou nalgunha ocasión só 15 días", conta Vieito

"Conciliar esta viaxe coa nosa vida persoal e laboral é un problema", afirma unha das estudantes no vídeo que desenvolveron para a campaña, que se fará público mañá. "Isto fai que moita xente non se poida acreditar e desvaloriza a lingua a nivel institucional", denuncia Vieito.

A súa petición, xa que logo, é que, igual que con outras linguas, se fagan exames oficiais fóra da Galiza. En Barcelona é posíbel acreditar o galego a través da universidade, pero só para o alumnado inscrito nese nivel de ensino, e non para as que o preparan fóra ou por libre. O Institut Ramon Llull, por exemplo, si organiza probas alén das fronteiras catalás, entre outros moitos lugares na Galiza.

Aínda que a campaña comezará na rede, non descartan levala máis lonxe dependendo da acollida. Vieito, en contacto con outros centros de Estudos Galegos, sabe que a demanda que afecta a máis lugares. 

Comentarios