CRÍTICA DE CINEMA

Quen a ferro mata..., por Andrés Castro

Mario traballa de enfermeiro nunha residencia de anciás. É un traballado exemplar apreciado por todos. O ingreso do narco máis coñecido da zona sacará a relucir o seu lado máis escuro.

luis tosar

Paco Plaza (Romasanta, Verónica) aparca o cinema fantástico e de terror neste thriller producido por Vaca Films, Atresmedia e Playtime Productions. Unha das poucas veces que dirixe un guión no que non ten ningunha participación. Un texto escrito polo polifacético Juan Galiñanes (Mestre Mateo á Mellor Edición por Dhogs) ao que logo se sumou Jorge Guerricaechevarría (Goya a Mellor Guión Adaptado por Celda 211) a fin de darlle os matices necesarios para que a historia tivera o gancho e proxección necesaria, iso si, sen mudar un ápice a esencia do guión de Galiñanes, que tamén se fixo cargo da 2ª unidade de dirección.

A trama mestura historias de xeriátrico e narcotráfico a través dunha hipótese moi interesante, que máis ben é unha realidade: os narcotraficantes tamén se fan vellos así que... que pasaría se un dos maiores narcos (de Cambados concretamente) ingresara nun asilo de anciáns da zona? E que pasa se o enfermeiro que o atende ten contas pendentes con el?

Luís Tosar interpreta Mario, un enfermeiro modélico. Bo traballador, futuro pai de familia, amábel, agarimoso, paciente, atento... É un home moi querido e respectado por colegas de traballo e residentes. A entrada no xeriátrico de Antonio Padín, un poderoso narco, fará espertar o lado máis escuro de Mario que non só terá que facer fronte os seus instintos máis primarios, senón tamén lidar cos fillos do patriarca (Enric Auquer e Ismael Martínez), dous tipos imprevisíbeis e moi perigosos que estarán vixiantes para que non lle suceda nada o seu pai mentres ingresado.

Antonio Padín representa a todos eses narcos que se fixeron ricos nos 80 co tráfico de heroína a costa da vida e saúde de moitos mozos e mozas e de moitas familias galegas. Podería ser o alter ego de Miñanco, de Charlín, de Oubiña ou de Terito... ou ser todos eles á vez, ou ningún. A sombra da serie Fariña é moi alongada xa desde a brutal primeira secuencia (nas bateas) falando de “nécoras” e “centolas”. As escenas na residencia de anciáns aportan o contrapunto, o lado humano, relaxado e, por momentos, cómico. Diálogos xeniais e cheos de realismo (ollo á breve escena de Xosé Luís Bernal “Farruco”).

Paco Plaza dirixe con solvencia, calidade e bo ritmo; apelativos extensíbeis ao resto do equipo técnico, en especial aos seus colaboradores habituais: o director de foto Pablo Rosso e o montador David Gallart. Mais o prato forte de Quen a ferro mata descansa no acertado elenco encabezado por un portentoso Luís Tosar, que volve amosar que é un dos mellores da súa xeración, mais non o único que destaca. María Vázquez (Trote) fai un xenial traballo na pel da súa parella encinta, Xan Cejudo está brillante como Antonio Padín e, interpretando os violentos fillos deste, Ismael Martínez e Enric Auquer.

Malia non ser un filme rodado en galego, agradécese que o reparto “non galego” fixera o esforzo por intentar cravar o acento da zona. De feito o que fai Auquer son palabras maiores... Malia que o acento semella máis koruño que de Cambados, desde o primeiro momento pasa perfectamente coma o típico ñé kiote buscabullas. Non un “actor que fai de...”, senón alguén que é así de verdade. Logo descobres que é catalán. Isto ule a Goya desde lonxe.

A historia de Quen a ferro mata vístese, en aparencia, semella un aviso “a navegantes”. Que o karma chega antes ou despois... Mais o fondo do asunto é moito máis complexo e profundo. De feito, pódese intuír que os tópicos de xénero, clixés e os manidos flash-backs, son simplemente unhas “trampas” espalladas a propósito para levarnos polo sendeiro e estado de ánimo que queren, para logo darnos unha patada directa á boca do estómago.

A memorábel secuencia final é unha das mellores definicións gráficas do significado da palabra “vinganza”. Unha imaxe que queda gravada a lume nos miolos... para o resto dos nosos días.

.Quen a ferro mata

(España-Francia 2019, 107 min.)

Dirección: Paco Plaza

Guión: Juan Galiñanes e Jorge Guerricaechevarría

Fotografía: Pablo Rosso

Música: Maika Makovski

Elenco: Luís Tosar, María Vázquez, Xan Cejudo, Ismael Martínez, Enric Auquer, Tania Lamata, Pablo Guisa Koestinger, Daniel Currás, Víctor Duplá, Marcos Javier Fernández Eimil, Alberto Abuín, Tamar Novas, Xosé Luís Bernal

Comentarios