Manuele Pardo, gaiteiro: "O que nunca falta nas letras das coplas tradicionais galegas é o duplo sentido"

Manuele Pardo é un gaiteiro do concello de Boqueixón que leva toda a vida en diferentes bandas e agrupacións. Agora compón en solitario, empregando como base coplas e composicións tradicionais da música popular galega. Acaba de publicar dous sinxelos, Muros e Bitácora, que combinan a cultura tradicional con ritmos e sons modernos. Ademais, exerce como mestre de música en Ribeira, e pretende transmitir a paixón pola música que a el lle traspasaron.  

Manuele Pardo leva desde os 10 vinculado ao mundo da música.
photo_camera Manuele Pardo leva desde os 10 vinculado ao mundo da música.

-Cando comezou a interesarse polo mundo da música?

-Comecei con dez anos en solfexo, na banda de música de Ponteledesma. Con doce anos escollín a trompa como instrumento, aínda que ao pouco decidín deixalo. Aos 16 anos retomei o interese grazas a Gabriel Mojico, un profesor de gaita moi bo, co que conectei axiña e que foi parte importante de que eu comezase a tocar a gaita.

Co paso do tempo pasei por varias bandas populares e agrupacións musicais, tanto do meu concello, Boqueixón, como  da contorna. Ao longo dos anos toquei diversos instrumentos e en lugares moi diferentes.

Pódese dicir que comecei no mundo da banda, pero o que me cautivou realmente é o mundo da gaita. Considérome gaiteiro por riba de calquera cousa.

-Cal diría que o seu estilo?

-Son un músico ‘tradi’. Os dous temas que compuxen até o de agora naceron no confinamento. Empreguei un programa que teño no ordenador con sintetizadores e, cunha muiñeira como base, acopleille diversos sons que constituíron Muros, o meu primeiro sinxelo. Nun comezo non tiña pensado que saíse á luz, mais convencéronme de que o fixese.

Antes que compor prefiro traballar sobre pezas que son propias da nosa tradición musical. É sinxelo atopar todo este tipo de material en plataformas como arquivos sonoros.

-Ten algunha temática en específico coa que lle guste traballar nas súas composicións?

-Cando collo unha peza tradicional, non me gusta variala demasiado, polo que non lle compoño novas coplas. Gústame centrarme nas temáticas que, por exemplo, empregan as pandereteiras do noso país nas súas pezas.

Son moi variadas dentro da nosa tradición, van desde o amor até a festa. O que non falta nas letras das nosas coplas tradicionais é o duplo sentido.

-Cando decidiu dedicarse á música de xeito máis profesional?

-Non houbo un punto de inflexión no que eu decidise profesionalizarme. Foi algo que estivo presente na miña vida e que puiden compatibilizar en diferentes etapas, sempre estivo aí, tanto cando tocaba con outras persoas como agora. Hoxe son mestre de música nun colexio en Ribeira. Compaxínoo co oficio musical, porque non podo vivir só de ser músico. Polo menos polo de agora.

-É máis difícil chegar ao público cantando en galego? Recibiu comentarios negativos polo feito de facelo?

-Por sorte, rodéome de persoas e de ambientes tradicionais nos que é moi sinxelo sentirse acollido. Por sorte, a nosa música sirve para moitos propósitos. Fomentar o emprego do galego e evitar que se perda.

Nunca me dixeron nada por falar ou cantar en galego, pero máis que nada pola xente que teño ao meu arredor. Si que noto que as crianzas que, por exemplo, o castelán está moi afianzado en ámbitos como a educación. No colexio no que traballo, hai unha gran porcentaxe de rapaces que falan en castelán. Por iso cando escoito a algunha crianza falar en galego véñenseme as bágoas aos ollos.

-É importante que se apoie os artistas que cantan en galego? 

-É. O galego é a nosa lingua e témola que protexer. Teño a sorte de moverme en ambientes nos que a maioría é galegofalante. Por iso cando escoito a certas persoas dicir que o galego non se está a perder ou que non hai diglosia no país, gustaríame invitalo a que viñese ao meu colexio a falar co alumnado. Ver que a rapazada non é capaz de dar nin unha palabra en galego fai que me caia a alma ao chan.

Os artistas que cantamos en galego necesitamos que se aposte máis por nós desde as administracións para grandes eventos. O noso triunfa, e cada vez máis.

Comentarios