Por que a Festa do Avante "não é um simples festival de música"?

O festival está a decorrer desde este 2 de setembro.
Público asistente este ano á Festa do Avante. (Foto: Festa do Avante)
photo_camera Público asistente este ano á Festa do Avante. (Foto: Festa do Avante)

Desde a sexta feira está a decorrer na finca da Atalaia, en Seixal (Portugal), a Festa do Avante, un evento, cultural, político e social impulsado e organizado pola militancia do Partido Comunista portugués, con milleiros de voluntarios e voluntarias colaborando nas distintas tarefas relacionadas co correcto desenvolvemento do festival.

Considerado como un dos maiores festivais culturais de todo Portugal e un dos maiores eventos que un partido comunista organiza na actualidade en todo o mundo, a Festa do Avante serve como punto de encontro para os movementos comunistas de todo o mundo.

O presidente da Fundación Galiza Sempre e membro da Executiva do BNG, Rubén Cela, explica no seu Twitter que “a festa é un grande encontro internacionalista. Participamos nela 53 organizacións políticas de catro continentes. De Vietnam a Brasil, de EUA a China, de Ángola a Irlanda, de Dinamarca a Palestina, de Venezuela ao Sáhara, de Mozambique a Timor Leste, de São Tomé a Luxemburgo…”.

A Galiza tamén aparece representada na Festa do Avante, cunha delegación enviada polo Bloque e Galiza Nova. O noso país faise sentir no encontro “co traballo das compañeiras e compañeiros de Galiza Nova que atenden todas as consultas no stand do Bloque”, que “explican a realidade nacional de Galiza e o proxecto político do nacionalismo galego”.

Espazo de debate político

Cela subliña que “A Festa do Avante é tamén un espazo de debate político, partillamento de análises e reflexións desde unha perspectiva de esquerdas e defensa do dereito de autodeterminación dos pobos e a loita antiimperialista. Debates, palestras, presentacións de libros, encontros internacionais...”.

O encontro decorreu por primeira vez en 1976, despois da caída da ditadura salazarista. “De todo o país chegaron visitantes para o que pronto se viu como a maior manifestación político-cultural de Portugal”, explica a organización na páxina web oficial da Festa do Avante.

Durante tres días, o festival reúne milleiros de persoas que desfrutan dun programa cheo de actividades musicais, literarias, teatrais, cinematográficas e deportivas, entre outras. “Toda manifestación creativa ten o seu espazo na Festa do Avante”, asegura Rubén Cela.

Porén, para o membro da Executiva do BNG, o que fai poder afirmar que a Festa do Avante “não é um simples festival de música” é un “intanxíbel: o ambiente de camaradaría, amizade, solidariedade que compartes con milleiros de persoas que por tres días ningunha é descoñecida”.

Comentarios