ALBUMS DE AQUÍ E ACOLÁ / TOÑO (FRED AND THE PERRYS)

“No punk-rock galego aínda se nota o baleiro que deixou a desaparición de Skacha”

Fred and The Perrys son unha das bandas que alicerzan a escena punk de Galiza. Os sete temas do seu último traballo, “Non haberá perdón”, suman intensidade, forza e carraxe, trepia básica para facer arder un escenario. Facturan streetpunk desde 2014 e esta fin de semana asaltan o Miño para actuar en Portugal.

fred and the perrys
photo_camera Toño, á esquerda da foto, e o resto de Fred and the Perrys

Houbo un momento en que o punk perdeu a noción da realidade para se gustar a si mesmo como simple espectáculo e querencia polo artificioso. Fronte á cousificación do movemento nunha colección de fotos de postal e unha moda,  armouse unha reacción nos mesmos sitios onde nacera o punk, nas rúas. Apertáronse os dentes, calibrouse a mirada a nivel de barrio e recuperouse conciencia, orgullo e lealdade de clase: nacía o ‘real punk’ ou streetpunk ou Oi!, tres denominacións que non sempre definiron o mesmo.

skacha sempre ceibes

Pode dicirse que Fred and The Perrys, nado en 2014 en Compostela con membros procedentes doutras bandas da escena punk galega, adopta e adapta neste século XXI ese realismo punk-rock. Falamos con Toño, baixista dos ‘Perrys’, que nestes días andan de actuacións en Portugal para que achegue as súas opcións en Álbums de aquí e acolá. Ao EP de debut de catro temas (Xa non hai xustiza”, 2016) seguiulle o traballo Non haberá perdón” (2017), sete pílulas nas que elevan o listón.

Toño advirte que non pode cinxirse a un único disco galego de referencia e pon sobre a mesa tres xigantes do punk-rock en Galiza: Ruin Bois, Keltoi e Skacha: “A maqueta de catro temas dos Ruin Bois, o ‘Casco Vello’ de Keltoi e aquela maketa de Skacha, ‘Sempre Ceibes, que sacara Plastic Disc, un selo catalán, en 1995”. “É imposíbel un disco so”, insiste. Mantén que “no punk-rock galego aínda se nota o baleiro que deixou a desaparición de Skacha”. Toño detecta “un baixón” no punk facturado hoxe en día en Galiza a respecto de anos anteriores se ben destaca o nivel e resistencia do existente.

kortatu ele stado de las cosas

O que eran dúbidas para se decidir por un disco galego de referencia multiplícanse cando se lle pide que cite un internacional. “Medrei nos 80 e primeiros 90, coa música dos irmáns maiores dos meus amigos”, afirma antes de enumerar bandas do Rock radical vasco e da primeira vaga punk en Estados Unidos e Reino Unido. “Escoitaba todo o que se podía escoitar nunha vila mariñeira como era Vilaxoán”, enmarca. Detense nun disco, “El Estado de las cosas” (Oikuha, 1987), de Kortatu, por especialmente influínte, antes de relatar a travesía musical por diferentes mares (Ska, reggae) e engadir á listaxe nomes como Madness, Toots and te Maytals…”.

E conclúe: “Vai por épocas: xa non son o rapaz de 13 anos, tampouco musicalmente”. Mais todo deixa pegada, tamén no baixo que canda a batería marca pulso, corazón e ritmo en Fred and the Perrys.

Comentarios