SOBRE AS CANTIGAS DE AMIGO

Publícase no Brasil o libro-disco ‘Cores do Atlântico’ de Ponte… nas ondas!

A editora Latus da Universidade Estadual da Paraíba acaba de editar e colocar nas librarías o libro-disco ‘Cores do Atlântico’, o traballo sobre as cantigas de amigo que Ponte…nas ondas!  e o selo discográfico galego PAI Música editou en 2010 para Galiza e Portugal.

cores-atlantico1_1
photo_camera Santiago Veloso, de Ponte... nas Ondas!, nunha libraría de Rio de Janeiro cun exemplar de 'Cores do Atlântico'

Cores do Atlántico é un traballo divulgativo-musical sobre as cantigas de amigo que ofrece unha nova perspectiva do xénero máis autóctono da nosa lírica medieval, desde unha dobre dimensión: a interpretación teórica da catedrática holandesa Ria Lemaire Mertens e a interpretación musical da cantautora brasileira Socorro Lira.

No disco participaron as artistas brasileiras Socorro Lira, Margareth Menezes, Eneida Marta e as Cirandeiras Caiana dos Crioulos, Eneida Marta de Guiné Bissau, João Afonso de Portugal e Uxía e Leilía de Galiza.

Un traballo literario-musical

A argumentación teórica sobre a orixe dunha tradición oral sustentada por mulleres é unha tese defendida pola especialista en literatura medieval en linguas románicas e doutora pola universidade de Utrech, Ria Lemaire, que escribe un traballo de divulgación sobre as cantigas de amigo galego-portuguesas como as primeiras mostras do patrimonio cultural galego-portugués, que nos chegaron por vía culta: os primitivos cantos de mulleres.

No enfoque musical a cantautora brasileira Socorro Lira aborda unha lectura contemporánea da melodía das cantigas integrando as sonoridades galegas, portuguesas, africanas e, especialmente, brasileiras; espazos que comparten o patrimonio cultural da lírica galego-portuguesa. Desde os ritmos brasileiros como a ciranda, o samba, o batuque, o baião, o congo, o aboio ou a toada nordestina, interprétanse as cantigas de amigo dunha forma transgresora e ao mesmo tempo harmoniosa.

Arranxado por Jorge Ribas, Cores do Atlántico integra as sonoridades de tres continentes unidos por un patrimonio común: a lírica das cantigas de amigo galego-portuguesas.

Desde o Brasil, a compositora e cantora Socorro Lira reúne voces tradicionais como as das Cirandeiras de Caiana de Crioulos xunto as colaboracións de Margareth Menezes-a Maga e Cida Moreira. Desde África, a guineana Eneida Marta achega a súa cálida voz asociada aos ritmos de Guiné Bissau como o Gumbé, a Morna ou a Singa. João Afonso e Teresa Paiva introducen a expresión portuguesa e a sonoridade da gaiteira do Porto. En Galicia, son as voces de Leilía e Uxía as que recrean as cantigas que noutrora cantaron as mulleres neste territorio de orixe da lírica medieval galego-portuguesa.

Comentarios