Escultor e escenógrafo

Jose Perozo: "Moito do que fago cando esculpo, máis que dunha idea, chega dunha imaxe emocional"

Naceu en Vigo en 1978 e formouse, en escultura, na Escola de Artes Mestre Mateo de Compostela e, en Maquinaria e Construción de Decorados en Escénica, en Granada. Desde hai décadas, reparte a súa creatividade e os seus coñecementos técnicos entre a elaboración de escenografías e decorados e a escultura. Até finais de ano expón no restaurante O Dezaseis, en Compostela, unha selección das súas pezas integradas nas coleccións Bastións e Fragmentaria.
joseperozo
photo_camera Jose Perozo. / Tacho Jiménez

Fálenos das pezas que ten no restaurante compostelán.
O Dezaseis para min é un lugar emblemático de Compostela, ten un interior que se presta moito a este tipo de pezas e tamén creo que está ben achegarse á xente. Están moi ben os museos e as galerías, e todo tipo de espazos de exposición, pero tamén, de vez en cando, está ben facer algo para que a xente chegue a este tipo de traballos sen esperalo. Algo que atopas sen facer o esforzo de ir a un espazo predeterminado para iso. E tamén é unha forma de apoiar o pequeno comercio, o negocio local. A selección é da obra que teño, Bastións e Fragmentaria. Dúas liñas que non se levan mal entre elas, senón que son continuación unha da outra. Nacen do uso do corpo humano e da arquitectura, sobre os que traballo desde 2016, cando empecei a expoñer. Escollín as pezas que vin que se levaban ben co local e que tiñan, entre elas, coherencia interna.

Se visitamos o seu Facebook ou a súa web, vese que tivo moita actividade a pesar da época de confinamento?
Foi un ano moi estraño. A min xusto me xurdiu unha exposición en Portugal, no Museo PO.RO.S (Museo Portugal Romano em Sicó), onde me propuxeron expoñer xunto ao pintor Eduardo Ortún. A mostra xa estaba apalabrada cando chegou a Covid-19. Ía ser para comezos de xuño, así que xa non contaba facela até máis tarde pero, como Portugal se abriu un pouquiño antes, a mostra mantívose para xuño, só se atrasou seis días. Crucei a fronteira coa 'furgo' cargada de pezas e cadros. Foi unha tolería, porque só tiña un día para a montaxe, por evitar riscos. Tiven actividade, incluso agora, pero si notei cambio en canto á incerteza, a que vai pasar coa economía, coas posíbeis vendas, cos espazos de visita... A incerteza, que xa sempre está neste mundo, porque nunca sabes se vai funcionar economicamente como para poder seguir dedicándote a isto, agora é maior. E desde que saín do confinamento non parei de traballar no audiovisual, así que estou a buscar o momento de volverme poñer a facer escultura, de meterme no taller, a poder ser medio aniño, polo menos e investigar cousas que me funcionaron.

Como é proceso creativo de Jose Perozo?
Son bastante intuitivo á hora de traballar. Veño do mundo da construción de decorados e de escenografías. Por exemplo, agora mesmo, estou no equipo artístico da película que está a rodar, en Monforte, o cineasta Dani de la Torre. Moito do que fago xorde, máis que dunha idea intelectual ou mental, que é moi habitual na arte, dunha forma máis intuitiva, de imaxes ou ideas que tes na cabeza e que son máis emocionais. Algo que che provoca a necesidade de ser representado. Hai pezas que son máis de idea, partes de algo que queres transmitir e intelectualízalo a priori, pero a maior parte das veces trátase de pezas que, dalgunha maneira, saen soas. E tamén me gusta moito a técnica e o material, mesturo un pouco todo pero gosto moito do natural, da madeira, da cerámica e do metal, que son o que máis uso. Unha mestura de técnica, idea, sensación... Non é un proceso elaborado senón, no meu caso, de deixarse levar. Moito do que fago xorde dos meus dous oficios, a escultura e as artes aplicadas á escenografía.

E como se reparte entre as dúas actividades?
Se teño unha mostra dedícome totalmente pero vénme ben un descanso creativo e facer outros traballos. A parte escénica non quero perdela, é o meu oficio. Déixome levar, é bo poder escoller, aínda que dedico máis tempo á escultura.

Comentarios