Xosé Ballesteros, director de Kalandraka

“Publicar para a infancia tamén supón opcións políticas e ideolóxicas”

Kalandraka é, talvez, a máis internacional das editoras galegas. Fundada hai 20 anos por un monllo de traballadores editoriais, libreiros e afeccionados ao teatro, creou o máis recoñecido catálogo de libros e albumes ilustrados dirixidos á infancia. Entre aqueles pioneiros estaba Xosé Ballesteros (Vigo, 1956), actual director da empresa e presidente da Asociación Galega de Editoras (AGE). Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 296.

XB1
photo_camera [Imaxe: Kalandraka] Xosé Ballesteros

2Segue a haber prexuízos contra a literatura infantil?

Iso é como se alguén di que a educación infantil é algo menor, cando está comprobado que a base da cultura dunha persoa e da súa capacidade de desenvolvemento psicolóxico integral ten que ver con como te educan nos primeiros anos da túa vida. A literatura infantil é algo menor, por que? Todos temos lecturas de cando eramos nenos, e a nosa cultura ten unha base que son as lecturas que fixemos de pequenos. Se ti de rapaz tes acceso a grandes obras da literatura pensadas para a idade psicolóxica na que vives, e vante acompañando e tes posibilidades mesmo de escoitar música e ter unha formación musical artística, teatral... Se desde pequeno van cultivándote como se cultiva unha planta ou unha árbore, terás unha vida moito máis rica que se estás todo o día diante dun televisor mirando programas lixo. O que si me preocupa é a pouca visibilidade da literatura infantil nos medios. Aí si que hai prexuízos.

A literatura infantil como rama menor da cultura.

Nós somos editores e buscamos a calidade literaria e plástica. Non só para os nenos. Cando publicamos para adultos, cando publicamos a biblioteca de pedagoxía, cando publicamos teatro, queremos publicar o mellor dentro das nosas posibilidades. Hai outras editoras, e non estou pensando nas galegas que abondo teñen con existir, no Estado español que publican Cuentos tradicionales para niños de seis años, color azul; Cuentos tradicionales para niñas de seis años, color rosa. É un mundo complexo e hai xente que publica para nenos e só lles interesa o consumo. E hai outros que queremos publicar non só para o lecer senón para contribuír á evolución integral da persoa. Non chegamos aquí da nada. Temos referentes. E somos un proxecto que sabemos que existe Rodari e a súa Gramática da fantasía, pero tamén sabemos que existiron as Misións Pedagóxicas, a Institución Libre de Enseñanza, os mestres republicanos represaliados. Considerámonos herdeiros deses movementos da escola máis renovadora e de editoras como Felicidad Orquín ou a propia Esther Tusquets. Como di Orquín, ela decidiu ser editora como opción política. Nós seguímolo tendo claro. Publicamos libros e temos claro que publicar para a infancia tamén supón opcións políticas e ideolóxicas. E asumimos esa función social e transformadora.

Chegado un intre, por que abren vías editoriais para adultos?

Os lectores de Kalandraka, que empezaron hai 20 anos, hoxe teñen 22, 24, 25, e queremos seguir acompañándoos e facéndolles propostas literarias.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 296 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios