'Psiconautas' chega ás salas de cinema esta sexta

A cinta gañadora do Goya á mellor longa de animación, codirixida polo coruñés Alberto Vázquez xunto con Pedro Rivero, estrearase en todo o Estado esta sexta feira. En Galiza poderase ver en Compostela, Narón e Vigo. 

rp_psiconautas_02
photo_camera Na presentación desta mañá: Farruco Castromán, de Zircozine, e Alberto Vázquez, con dous dos Goyas

A longametraxe comeza a súa distribución con medio cento de copias en máis de 35 localidades. Ademais, o seu outro filme premiado, a curta ‘Decorado’, continúa o seu percorrido polo circuíto internacional de festivais tras ser exhibida en Cannes, Annecy ou Clermont-Ferrand.

O director coruñés presentou o filme esta mañá na Cidade da Cultura xunto co conselleiro do ramo, Román Rodríguez, e o produtor Farruco Castromán, de Zircozine. Con el traía os seus tres Goyas (obtivo outro en 2012 pola curta 'Birdboy'). 

Tras o seu paso por corenta festivais de todo o mundo e máis de 15 premios internacionais, este filme de animación para público adulto preestrease hoxe terza feira nos Cantones Cines da Coruña e o venres comeza a súa distribución española con medio cento de copias en máis de 35 localidades (Narón, Santiago e Vigo), Andalucía, Asturias, Baleares, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, Navarra e País Vasco. Así mesmo, o filme ten pechados xa acordos de vendas internacionais en Estados Unidos, Canadá, Reino Unido e Francia. 

‘Psiconautas, los niños olvidados’ leva ao cinema a novela gráfica do propio Alberto Vázquez. Esta historia da viaxe de Birdboy e Dinky na procura dun mundo mellor foi definida pola crítica como sorprendente, irónica e macabra, conmovedora e dotada dunha gran poética e destreza audiovisual. Xa na curtametraxe ‘Birdboy’, que lle valeu o seu primeiro Goya ao tándem Vázquez-Rivero, se nos adiantaba o mundo postapocalíptico a partir do que se desenvolveu a longa ‘Psiconautas’. 

Comentarios