Cultura

A psicodélica descuberta do folk druídico

Moura liberaba o 1 de abril, en plena reclusión pandémica, o seu primeiro álbum na rede. O disco, que leva o nome do grupo, é froito dunha actividade que leva en curso desde 2016. O seu foi un periplo longo cara á descuberta do seu estilo singular, que mestura rock progresivo, psicodelia e folk. Unha fusión que convoca o trance e afonda nas raíces druídicas, con escalas galaicas e a inestimábel achega dos instrumentos tradicionais da Irmandade Ártabra. Todo un proceso de aprendizaxe no que os integrantes acharon o valor do propio, iso que, por próximo, algunhas veces costa máis ver.
Imaxe promocional de Moura
photo_camera Imaxe promocional de Moura

Se a dos Diplomáticos era a "arroutada", agora chega a "liserxia pangalaica". Ou así definen os coruñeses Moura o seu peculiar estilo, no que o misticismo folk hibrida cos delirios eléctricos do rock progresivo. Os absorventes riffs de guitarra como arpas de bardo rachan de súpeto coa entrada das pandeiretas. Nas atmosféricas incursións dos sintetizadores adivíñase a zanfona ou un clarinete. Malia levaren desde 2016 co proxecto, ve agora a luz o primeiro álbum desta singular exploración dos ecos da Galiza prerromana.

A formación actual compóñena Diego Veiga á voz e á guitarra, Pedro Alberte ao baixo, Hugo Santeiro á guitarra, Fernando Vilaboy no órgano Hammond e nos sintetizadores e Luis Casanova golpeando a batería e as percusións. Porén, nesta aventura cósmica acompáñaos a que bautizaron como Irmandade Ártabra, un conxunto de músicas amigas de recoñecidas bandas (Luar na Lubre, Aliboria, Samarrúas) co que teceron rede a través da Cova Céltica (A Coruña).

Así, atopamos nas filas desta fraternidade musical os aturuxos de Belém Tajes, as percusións tradicionais de Pedro Villarino (tamén ao tin whistle) e Miguel Vázquez, ás que se suman a lata e a pandeireta (máis efectos) de Antonio Prado. A zanfona de Pablo Reboiras, o clarinete de Susana Pérez e o acordeón de Brais Maceiras completan as capas sonoras deste disco case orquestral. Veiga afirma que se senten moi afortunados de contar con semellante acompañamento, que lle "dá ao disco unha riqueza de texturas enorme".

"Moura xorde da sinerxía creada na antiga Casa Tomada da Coruña, despois Nave 1839", conta Veiga

"Moura xorde da sinerxía creada na antiga Casa Tomada da Coruña, despois Nave 1839", conta Veiga. Alí atopáronse e amizaron compoñentes doutras bandas da escena galega, como Lüger, Guerrera ou Fogbound, mostra de como os espazos de dinamización cultural dan os seus froitos na aparición de novas propostas. Porén, non se embarcaron no periplo de Moura co roteiro xa trazado, senón que descubriron a súa identidade polo camiño. Se ben partían do concepto de rock progresivo e psicodélico como premisa, a introdución do folk foi unha (re)descuberta que chegou na andaina.

O estilo que naceu co Zeca

Todo comezou cun dos temas que hoxe recolle o seu disco, "Ronda das Mafarricas", o único que non é propio, senón que adapta unha letra do pintor Antonio Quadros con música orixinal de Zeca Afonso, arranxada polo grupo arranxa. A proposta dun colega de "psicodelizar" esa canción, nun proxecto que, como tantos outros, non chegaría despois a materializarse, agroma hoxe nunha metamorfose alucinóxena que define de o estilo dos coruñeses. Pois grazas a esta incursión no folk descubriron que "funcionaba a mestura", explica Veiga, nun eido que consideran "non moi explorado", fóra dalgúns referentes contados no underground dos anos 70 como Voces Ceibes, Emilio Cao ou NHU.

Todo comezou coa proposta de "psicodelizar" un tema do Zeca Afonso

A música tradicional comezou así a espertar a súa curiosidade. "Tiñámola tan preto e nunca nos puxeramos a explorar...", comenta o vocalista. Se improvisación e investigación están na cerna do proxecto, a terceira pata é, sen dúbida, a introspección. "Foi para nós unha volta á terra no musical", relata Veiga. Un universo druídico que integraron desde o seu estilo rockeiro, na procura dunha "sonoridade galaica" a través de escalas usadas no tradicional ou, finalmente, dos instrumentos desa familia folki que os acompaña no seu primeiro LP.

Unha longa viaxe cara á gravación

O percurso até chegar ao estudio foi longo. A primeira vez que se propuxeron gravar algo foi en 2018, nunha versión moi preliminar do primeiro track, "Eira",  do que sería o seu actual traballo: Moura. Un disco que os define en só catro pistas, preto de 40 minutos de psicodelia en estado puro. Temas extensos que chaman a deixarse arrolar na viaxe, nun tránsito sempre cara ao interior desta música calidoscópica.

Aínda que Moura acaba de ver a luz, foi gravado en 2019. Un ano despois, os autores xa confesan que farían as cousas diferentes: "Temos máis coñecemento, probabelmente empregariamos máis instrumentos tradicionais". Mais terá que quedar para a próxima, ou atopar saída nos directos. A xira prevista (cancelada ante a crise sanitaria) contemplaba algúns concertos con integrantes da Irmandade Ártabra. Mais os cinco de Moura defenden un directo potente abondo sen axuda.

Identidade, punto a favor

A mestura de Moura está a gozar de moi boa acollida fóra das nosas fronteiras. Xa pasaron, sen traballo editado, pola Monkey Week (Sevilla) e o Barcelona Psych Fest, alén doutros referentes na Galiza como o Resurrection. Veiga considera que a nosa música atravesa un bo momento, en parte grazas a que a nivel internacional "se rachou un pouco con eses límites entre os estilos. Nese eclecticismo esvaece a etiqueta world music e o público está máis aberto, mesmo aquel ao que a priori non lle interesa o folk".

"Eu vexo a Aliboria no Primavera Sound", comenta, pois "funciona con ese ritmo tribal que levamos no interior, só hai que espertalo". O éxito deste ou a ineludíbel pegada de Baiuca  non fan máis que probar que "a identidade é un punto a favor".

Comentarios