O PSdeG insta a Xunta a evitar que os Franco retiren bens BIC e de "importancia patrimonial" do Pazo de Meirás

Presentaron unha iniciativa no Parlamento galego para exixirlle á Xunta que empregue "todos os medios ao seu alcance" para evitar que a familia Franco retire os bens de interese cultural. 
Pazo de Meirás
photo_camera Pazo de Meirás

A deputada do PSdeG Noa Díaz presentou unha iniciativa no Parlamento galego para exixirlle á Xunta que empregue "todos os medios ao seu alcance" para evitar que a familia Franco retire os bens de interese cultural (BIC) e calquera outro "de especial importancia patrimonial" do Pazo de Meirás.

Segundo explican os socialistas nun comunicado, a Consellaría de Cultura debe poder preservar estes bens e "garantir que van permanecer" na Galiza "mentres a xustiza actúa".

"Non se pode permitir que a familia Franco, autora do maior espolio da nosa historia, pretenda facerse co patrimonio do pazo, que nunca foi seu e si de todos os galegos e galegas", asegura Díaz.

Díaz pide que o Goberno galego empregue "todos os medios ao seu alcance" para impedir o traslado do resto que conteñan algún tipo de valor

Por iso, o Grupo Socialista reclamará á Xunta, cunha iniciativa parlamentaria, que faga valer a protección dos bens declarados BIC, como é o caso das estatuas de Abraham e Isaac, e empregue "todos os medios ao seu alcance" para impedir o traslado do resto que conteñan algún tipo de valor.

E é que os herdeiros do ditador xa solicitaron formalmente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Administración galega a retirada tanto das estatuas como da biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán, neste caso, a súa declaración como BIC atópase aínda en trámite, despois de que a Audiencia Provincial da Coruña obrigase o Estado español para devolver os bens accesorios de Meirás porque non solicitara a súa titularidade no proceso para recuperar Meirás.

Neste contexto, a socialista Noa Díaz lembra que a Lei de patrimonio cultural da Galiza obriga a Xunta a "garantir a protección" dos BIC, o que pasa por "impedir a súa mobilidade".
 

Comentarios