“O proxecto de Staffan Mörling foi pangalaico”: Bueu lembra e homenaxea o sueco que namorou de Ons

O acto celebrouse este domingo no Estaleiro da Banda do Río.

bueu homenaxe staffan mörling
photo_camera (Foto: Concello de Bueu)

O Concello de Bueu puxo o ramo o domingo á Semana da Cultura Mariñeira cunha homenaxe a Staffan Mörling, coñecido como ‘o mozo sueco de Ons’, e que realizou un gran traballo investigador a prol das embarcacións tradicionais.

Así o lembraron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, no acto celebrado no Estaleiro da Banda do Río.

Xurxo Souto actuou como mestre de cerimonias cun discurso no que falou de Mörling como unha persoa namorada de Ons e das súas xentes, que soubo describir o enorme patrimonio cultural e histórico da Galiza.

Souto lembrou aqueles anos nos que o sueco chegou a Ons e descubriu as dornas, unha experiencia que se uniu ao seu namoramento pola que despois foi a súa muller, de Ons, Josefa Otero. “O proxecto de Staffan Mörling foi pangalaico, percorreu todas as ribeiras, e aí reside a súa transcendencia e a súa posta en valor”, salientou Souto, quen tamén tivo palabras para a loita que na actualidade está levando a cabo a veciñanza da Illa pola defensa dos seus dereitos.

Aínda que a muller e o fillo de Mörling non puideron asistir debido á Covid-19, si que había entre o público familiares residentes na vila, ademais de xentes do mundo cultural e representantes políticos. O broche final púxoo Marcos Campos, director de Manxadoira, coa interpretación do himno sueco na gaita.

Comentarios