Un proxecto pedagóxico para botar a andar o Ano Castelao

O 2016 ademais de ser o Ano Manuel María e o centenario das Irmandades da Fala, a Academia de Belas Artes dedícallo ao Castelao artista. E a Deputación de Pontevedra abre as actividades cunha unidade didáctica sobre o autor rianxeiro. 

depupo
photo_camera Presentación

As estampas sobre nenos e nenas de Castelao son o punto de partida do proxecto pedagóxico que a Deputación presenta o venres no Culturgal. Trátase dunha unidade didáctica que aborda diferentes aspectos da vida diaria da época de comezos do século XX recollidos nos debuxos do autor, na que os cativos e cativas son protagonistas, relacionándoos coa actualidade. 

Está destinada a un uso pedagóxico transversal a través da literatura galega, a filosofía, a ética ou as ciencias sociais; e o tramo de alumnado ao que vai dirixido abrangue desde 4º da ESO ata 2º de Bacherelato. Este traballo está realizado por Diana Vilas e Óscar Rodríguez, que xa tiñan editado un estudo anterior sobre a representación na infancia en 'Cousas da vida' de Castelao. 

Diana Vilas indicou que "o estudo da historia da infancia é relativamente recente, e totalmente inédita no ámbito galego".  A autora explicou que a unidade didáctica toma diferentes fontes documentais, como novas dos xornais da época ou textos lexislativos, e se relacionan coas vivencias das crianzas reflectidas nas estampas. "Para relacionar estes dous mundos tan dispares utilizamos un personaxe de ficción creado polo profesor Manuel Rodríguez Conde que leva o nome de Afonsiño, en lembranza do fillo do propio Castelao, e que serve de guía a través de pequenos relatos de ficción" sinalou Diana Vilas.

Pola súa banda, Óscar Rodríguez fixo fincapé en que "a unidade didáctiva é fundamentalmente exercitiva, para permitir que o alumnado constrúa o contido a partires das actividades" ao tempo que destacou que "usa unha metodoloxía anovadora enfocada ao uso das TIC's que tanto profesorado como alumnado teñen ao seu dispor". 

'A nenez galega a través dos anteollos de Castelao' presentarase a sexta feira, ás 19:00h no Programa Foro do Culturgal, e contará coa presenza do deputado de Cultura, Xosé Leal, e dos autores, Diana Vilas e Óscar Rodríguez. Durante os días da Feira, esta publicación estará dispoñible no posto da Deputación e durante o vindeiro ano chegará aos centros educativos e ao departamento didáctico do Museo de Pontevedra, ao que se lle dedica un último capítulo específico na mesma. 

Comentarios