domingo 12.07.2020

O proxecto europeo Tosta chega a Rianxo

Tosta, un proxecto europeo que promove as linguas e culturas minorizadas, chega a Rianxo en forma de festival coincidindo coas súas festas máis grandes, a Guadalupe.

Proxecto Tosta
Proxecto Tosta

TOSTA é un proxecto de colaboración entre axentes culturais de comunidades lingüísticas minorizadas do eixo Atlántico de Europa. Combina a promoción da creación artística, a celebración da diversidade lingüística e cultural, a xestión equilibrada das linguas nun proxecto internacional e unha estratexia comunicativa innovadora.

Irlanda, Gales, Escocia, Cornualles, Frisia, Galiza e Euskal Herria son as nacións embaixadoras xunto cos socios europeos en cada país: Topagunea (Euskal Herria), Celtic Neighbours (Gales), Ealain Na Gaeltachta (Irlanda), Afûk (Frisia), Sabbal Mor Ostaig (Escocia), Golden Tree Productions (Cornualles) e A Mesa Pola Normalizacion Lingüística e Deputación da Coruña (Galiza).

O envío dunha "carga cultural" en forma de containers mariños é a escusa para vertebrar un percorrido que visibilizará en traballo colaborativo previo. Un artista de cada territorio realizou unha residencia noutro, integrado na comunidade local onde creará unha obra de calquera disciplina que se presentará á chegada dos containers a cada porto. Por exemplo, a escultora galesa Luned Rhys Parri estivo aquí en Galiza, e a músico coruñesa Belém Tajes fixo a súa residencia en Irlanda. 

Tosta e a Guadalupe

O 9, 10 e 11 de setembro, logo de case un ano de traballo da Mesa en colaboración coa Deputación da Coruña, será a quenda de Rianxo, vila mariñeira seleccionada para que o festival galego se leve a cabo. Entre outras actividades haberá a actuación musical de Tosta Banda, composta por artistas de todos os países envolvidos no evento, co respaldo de Xurxo Souto, Guadi Galego ou o grupo de 'txalapartaris' Oreka TX. 

O festival coincide coas festas da Guadalupe, procesión marítima incluída e tamén o Rock in Rian (o 10 de setembro), con Cuchufellos, Nao, Dakadarría, Zënzar e Mafalda. 

comentarios