Caderno de Verán

A Pobra do Brollón: Un proxecto de "arqueoloxía heroica"

A Asociación de Veciñas e Veciños María Castaña de Cereixa, na Pobra do Brollón, apostou na descuberta das súas orixes en 2016. Após catro anos o proxecto conta con apoio institucional público e privado e xa se fixeron seis escavacións con éxito. Ademais, noutros lugares ponse como exemplo da colaboración da comunidade nun plan de tal calibre para procurar as raíces. Texto Redacción
traballo de campo
photo_camera Imaxe do equipo facendo traballo de campo no castro (Foto: Proxecto Castro San Lourenzo)

Unha das herdanzas históricas que máis representa a Galiza son os castros, esas vilas primixenias que construíron os antepasados celtas no seu paso polo país. Hainos grandes e pequenos, desenterrados hai anos ou aínda escondidos polo paso do tempo… pero unha gran parte das vilas teñen algunha pista das raíces castrexas. Haberá poboados que nunca cheguen a verse iluminados polo sol novamente, pero para evitar que as súas orixes ficasen baixo terra a veciñanza da parroquia de San Pedro de Cereixa, no concello da Pobra do Brollón, impulsou un proxecto pioneiro.
A través da Asociación de Veciños María Castaña organizáronse para levantar o resultado de décadas de abandono cunha estratexia de micromecenado, primeiro, e apoio de institucións públicas e privadas despois. Malia que queda moito traballo por facer, hoxe o castro de San Lourenzo xa reapareceu para os mapas de xacementos arqueolóxicos de gran valor.

A cidadanía e a equipa de persoas expertas non poden estar máis implicadas en descubrirlle ao mundo ese “poboado fortificado ergueito tras a conquista romana para albergar os traballadores nas explotacións auríferas da comarca”. Así o contan na coidada páxina web do proxecto e, tamén, recórdao o director do mesmo, Xurxo Ayán. Incide nese pasado “metalúrxico” e “adicado á explotación do ouro” que gardaban as montañas da bisbarra. “É interesante saber que estivo dous séculos habitado porque no castro hai recollidos uns 2.500 anos da historia da Galiza”, di Ayán, que engade que “cara ao século X da nosa era estabeleceuse no lugar un cemiterio e despois unha igrexa”.

Precisamente pola acumulación de capas de elementos dignos de estudo non é unha tarefa sinxela devolverlle a visibilidade. Se ben é certo que na actualidade xa hai parte dos restos da capela reconstruídos e “escaváronse 65 tumbas”, sobrará tempo para que as e os dez profesionais que fan o traballo de campo “dun mes e medio ou dous” durante o estío continúen anunciando descubrimentos. “Agora a inercia xa está creada: para a parroquia isto é un orgullo”, engade Ayán.

Segundo o responsábel da iniciativa, o resto do ano os elementos que se atopan son analizados en laboratorios e sácanse conclusións que achegan máis sabedoría, así como un coñecemento real da vida en San Lourenzo.

Moitas ameazas sobre o patrimonio

O compromiso parece agora moi sólido, con impulsos de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Obra Social de Abanca e outros organismos, e a poboación quere seguir sabendo. No entanto, botando a vista atrás, a escavación comezou de xeito moi modesto “co mecenado popular”. 
Ese pulo cívico é o que fai diferente e digno de pór de exemplo o plan, que podería non ter sucedido se o castro non tivese “máis vidas que un gato”.

Ayán, que tamén ten as súas raíces familiares na contorna, fai memoria e conta que nos recordos comúns hai un episodio no que a piques estivo de desaparecer todo en favor dunha canteira de área durante a construción da estrada N-120. 
Nos 80 un incendio nos montes tocou parte do xacemento, pero por unhas cuestións ou por outras, os restos foron conservándose de forma razoábel.

Unha implicación masiva a conta dunha festa

O máis curioso é que non foron eses principios de ataque ao patrimonio público os que fixeron que arredor de 200 persoas decidiran coller a pa –figuradamente, porque son as e os expertos os que o fan–para desenterrar o seu legado. 

A xente recordou que “a finais do século XIX para facer rogativas para chamar á chuvia” levábase unha imaxe do San Lourenzo a mollar os pés ao río e trasladábase en “procesión” até o poboado celta. A Asociación María Castaña quixo recuperar a festa e unha cousa foi levando á outra até contabilizar seis campañas en só catro anos.

Esta meta que se puxeron non só achega orgullo, senón que “inseriu cartos na economía local” e serviu para “reter poboación e, incluso, atraela” pola oferta cultural do municipio, que tamén se desenvolve cada exercicio xunto aos terreos que se están a investigar. 

Esta sorte de “arqueoloxía heroica” nalgúns momentos tamén foi quen de chamar a atención do turismo sobre este lugar da Ribeira Sacra. 
"En 2007 estabilizouse como un sitio claro de turismo, cunha estratexia de visitas guiadas", subliña o técnico de Turismo da Pobra do Brollón,

Xosé Gago. Pero a política para atraer visitas do Concello non ficou aí. "Imos construíndo outras ofertas coa arqueoloxía en comunidade", engade o especialista. 

O mesmo grupo fixo prospección nos bancais de Vilachá até dar cos Conventos. "A tradición e as lendas dicían que houbo un heremitorio e un convento cunha cárcere á que levaban a xente que se portaba mal para construír" a estrutura vitivinícola. Dos traballos forzados nada se sabe, pero os restos apareceron. Esta aposta na cultura e no modo de vivir das antiquísimas xeracións de cidadáns estalle a saír acertada á Pobra do Brollón.

Restos esqueléticos

O arqueólogo e director do proxecto do castro de San Pedro de Cereixa, Xurxo Ayán, comenta que no país as tumbas da antigüidade non acostuman a mostrar moitos datos sobre as e os antigos moradores dunha ou doutra zona. Alude ás condicións e características do solo e á meteoroloxía como algunhas das explicacións para que sexa moi complexo atopar restos humanos.

Porén, “por circunstancias excepcionais atopamos 17 tumbas con restos esqueléticos” de arredor de 800 anos. Farán a análise “coa proba do carbono 14”, mais Ayán recoñece que o descubrimento ten unha gran importancia.

Visitas de aprendizaxe

O proxecto para destapar a historia do castro comezou en 2016, pero non foi até 2018 cando as Administracións públicas chegaron a un acordo para estabelecer na Pobra do Brollón un campo de traballo internacional (este ano foi a nivel nacional). Con esta medida as e os profesionais da arqueoloxía conseguiron apoio humano para seguir a traballar. 

Está aberto a xente de entre 18 e 30 anos, e "non é preciso ter formación arqueolóxica porque garantimos que van ter equipos profesionais para titorizalas". De momento xa pasaron pola Ribeira Sacra estudantes de Canadá, Francia ou Taiwán.

Atractivos turísticos

Onde hai un poboado dedicado á metalurxia, e mesmo ao tratamento do ouro, é normal que tamén aparezan os recursos naturais de onde se sacaban eses materiais tan prezados. 

Por iso, á hora de presumir e promover a “rede de recursos turísticos” do Concello da Pobra do Brollón non se esquece da Aldea mineira de Roques, cos seus atractivos pasadizos, e da mina romana de ouro dos Medos.

Durante o verán sucedéronse as visitas guiadas a estes espazos, incluídos tamén os restos dun "heremitorio e un mosteiro" na parroquia de Vilachá.

COA COLABORACIÓN DE:

deputacion lugo

Comentarios