Propostas para unha noite de calacús, cabazas, espíritos... Samaín

Obradoiros, libros, calacús iluminados, festa e medo. Son algúns dos ingredientes do Samaín, unha festa tradicional que se celebra por todo o país. Achegámonos a algunhas propostas, só algunhas das moitas desta noite, que meten medo. 

Calacús
photo_camera Calacús

 

-Obradoiro de talla de cabazas na Praza da Ferrería de Pontevedra: Ás 18 horas desta sexta feira, nenos e nenas poden participar nun obradoiro para converter os calacús en figuras de medo e invocacións dos espiritos nunha das máis ancestrais tradicións da xornada.

- Contos de Medo. A libraría "Libros para Soñar", de Vigo e Kalandraka artellan para esta tarde de sexta feira unha sesión de contos de medo a partir das 18.30 horas. As historias de  Maurice Sendak, Mercer Mayer ou Anthony Browne -todas do catálogo de Kalandraka- serán algunhas das protagonistas. De non poder ir, abonda con se achegar aos libros para morrer de medo. 

-Música para escorrentar os fantasmas. "No Samaín", unha das doce cancións do libro-cd-dvd "Brinca Vai!" de Paco Nogueiras é unha posíbel banda sonora para a xornada. 

 

-Papaventos por cabazas. A noite dos mortos conmemórase en distintas partes do mundo con múltiples tradicións. En Compostela, a Asemblea de Cooperación pola Paz aproveita a xornada para se achegar á celebración doutras culturas, neste caso, aos Barriletes en Latinoamérica. A actividade consiste en construír papaventos en obradoiros que se desenvolverán nos Centros Socioculturais de San Pedro e Fontiñas os días 30 e 31. 

-Un día para conmemorar: abre "Lobocoxo". Este sábado 1 de novembro, cadrando co Samaín, abre en Bueu o espazo infantil LoboCoxo, xestionado pola mestra, narradora e especialista en LIX Olalla González e o ilustrador Marc Taeger. A primeira actividade? contacontos de medo!!

-Un museo tenebroso en Lugo. Entre tebras abre o Museo de Lugo a súa programación para o Samaín. Teatro con Marionetas Trécolas, obradoiros de candeas, amuletos e cociña celta a cargo da Asociación Revolta Natural para nenas e nenos de 4 a 12 anos e un achegamento a "mitos, contos e lendas" da festa é a oferta para esta sexta feira. 

-Roteiro da Pantalla en Pedre. Na Terra de Mones, na parróquia de Pedre (Cerdedo) a noite desta sexta feira desenvolverase a cuarta edición do Roteiro da Pantalla, organizado por Amigos da Cultura, Capitán Gosende e coa colaboración da Irmandade Druídica Galaica. O roteiro sairá ás 20 horas da Eira Grande de Pedre e despois terá lugar unha cea e sesión de contacontos, para o que se hai que anotar nos teléfonos  687 742 323 ou para o 986 753 180 ou no correo [email protected]. Avisan de que hai que levar aparellos de iluminación tradicional e calzado axeitado para o roteiro. 

-O Samaín de Cedeira. Quen aínda non o vise pode achegarse este ano ao Samaín de Cedeira, un dos concellos nos que a festa se recupereou con entusiasmo. Nesta edición fan o 25 aniversario e ofrecen novas pantallas e máscaras ou a recuperación da torta do Samaín. 

-A cociñeira defunta para achegarse á morte. O humor macabro de Ledicia Costas cadra ben para esta noite. Escarlatina, a cociñeira defunta afonda nese primeiro encontro co falecemento dun familiar con moitas receitas que meten medo. Para ler nunha noite na que, se non hai medo, cómpre facelo chegar e Ledicia Costas é unha boa axuda. Gañou o premio Merlín na última edición.  

 

 

Comentarios