"Ocupar un corpo", unha proposta artística para calmar os impulsos de vouyerismo

A Sala Alterarte, situada no Campus Universitario de Ourense, fornece unha aventura expositiva que entra na intimidade dos corpos. A mostra, que forma parte da cuarta edición do proxecto 'Estado Crítico. 12 Curador*s e 12 Artistas', que dirixe Xosé Manuel Buxán Bran e está a cargo do 'curador' Vítor Nieves, nace da creatividade da artista Deebo Barreiro.

Unha das imaxes da exposición 'Ocupar un corpo' da artista Deebo Barreiro. (Foto: Cedida)
photo_camera Unha das imaxes da exposición 'Ocupar un corpo' da artista Deebo Barreiro. (Foto: Cedida)

A artista viguesa Deebo Barreiro achega un cruising de identidades disidentes que permite calmar as calidades curiosas e o vouyerismo do público na súa exposición "Ocupar un corpo", que se pode visitar até o día 21 de maio na Sala Alterarte de Ourense.

Neste espazo expositivo do Campus Universitario de Ourense, a xente está convidada a entrar na intimidade dos corpos fotografados por Barreiro, que o curador da mostra, Vítor Nieves, cualifica de “experiencia inmersiva” máis que de exposición.

Barreiro e Nieves traballaron conxuntamente nesta iniciativa -que xurde no marco da idea “Estado Crítico. 12 Curador*s e 12 Artistas”, que dirixe Xosé Manuel Buxán Bran- para pór ao público ante unhas arquitecturas inesperadas e un discurso de “identidades de xénero e sexuais que foxen ao binarismo normativo”.

Coas imaxes como centro sobre o que decorre o resto da mensaxe, quixeron escribir na atmosfera do lugar un “manifesto contrasexual que leva a unha análise crítica da diferencia de xénero e de sexo, que rache co contrato social cisheterocentrado, cuxas normativas foron inscritas nos corpos como verdades biolóxicas”.

A iso xoga a mostra e a iso levan os produtos audiovisuais paralelos e a arquitectura creada ad hoc, que sobrepasa o visto até agora. De feito, como indica Nieves, a autora das imaxes ideou este canto á liberdade pensando en “dinamitar” as conviccións estabelecidas.

“Captura coa súa cámara corpos que son en si mesmos a disidencia do sistema sexo-xénero, usando ás veces iluminacións e puntos de vista propios de deidades”, reflexiona o curador.

“Mais sen perder o intimismo en cada un dos retratos, o que lle imprime un carácter iconoclasta, característico da súa obra que autodefine como punky”, engade.

Comentarios