A promotora do Riazor Live constituíuse oito días antes do anuncio do evento

A empresa -cun capital social de só 3.000 euros- que ía organizar o Abanca Riazor Live, un evento musical de seis días que volvería a levar a música ao estadio coruñés e que se cancelou dez días despois de ser anunciado, constituíuse unha semana antes de que fose anunciado pola alcaldesa da cidade como un evento musical "de primeiro nivel". 
A alcaldesa, Inés Rey, con representantes do festival na súa presentación pública. (Foto: Concello da Coruña)
photo_camera A alcaldesa, Inés Rey, con representantes do festival na súa presentación pública. (Foto: Concello da Coruña)

“Os concertos volven a Riazor”. Os titulares anunciaban deste xeito o ciclo de concertos Abanca Riazor Live que, 28 anos despois do concerto dos dous mil anos, levaría de novo ao estadio coruñés a música en directo. 

A alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, comparecía ante os medios o 25 de xuño para anunciar un evento que se prolongaría durante seis días con Nicky Jam, Carlos Rivera, Duki/ Funzy & Baby Loud, Iván Ferreiro/ Viva Suecia, Hombres G e Kase.O como cabezas de cartel. A rexedora estivo acompañada naquela intervención por José Patiño Riveiro, da empresa promotora, e por Gerardo Fuertes, director territorial de Abanca na Coruña.

Exactamente dez días despois, o 5 xuño, a organización do Abanca Riazor Live facía pública a súa decisión de aprazar o evento “até datas vindeiras”.

“Exercendo unha acción de responsabilidade coa situación sanitaria”, rezaba a nota,"a organización de Abanca Riazor Live comunicoulles ao Concello e aos patrocinadores a súa decisión de retomar o proxecto unha vez a situación se estabilice e se poidan realizar eventos destas características en condicións de seguridade para todos os participantes”. 

Que a situación sanitaria cambiase radicalmente no transcurso deses dez días é francamente discutíbel xa que outros eventos de similares características manteñen o seu programa. O que xa non admite tanta discusión é que algo estaba pasando: a venda de entradas en liña anunciárase para o día 29, mais chegou a hora sinalada e a web oficial do evento permanecía fóra de servizo. Ante a inquietude mostrada polo público nas redes sociais, a empresa informou de que, finalmente, a venda de entradas atrasaríase até a semana seguinte, entre o 6 e o 8. O anuncio da cancelación do festival chegou antes. 

Unha promotora con 3.000 euros de capital social 

O día do anuncio do evento, a alcaldesa agradeceu a valentía da promotora dos concertos, que conformara “un gran cartel nestas circunstancias tan complexas”, e a implicación e apoio de Abanca e do Deportivo na aposta de converter Riazor "nun referente na celebración de eventos musicais de primeiro nivel".

A promotora en cuestión é Produccións [sic] Sostibles Sociedad Limitada., unha empresa que, segundo consta no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil comezou a operar o 17 de xuño de 2021, é dicir, oito días antes de que se anunciase o Abanca Riazor Live. Segundo este rexistro, conta cun capital social de só 3.000 euros mais ten como obxecto a “organización e produción de eventos musicais, deportivos e culturais”, o “servizo de aluguer, montaxe e asistencia técnica de equipos de son, iluminación profesional e vídeo para todo tipo de eventos” así como a “prestación de servizos de hostalería, restauración, cafetería, bares...”. 

Na empresa consta como Administrador Único José Patiño Riveiro, que tamén estivo presente no anuncio aos medios da alcaldesa da Coruña e que prometeu nela que a iniciativa tería “continuidade no tempo”. 

A experiencia coñecida como promotor de Patiño Riveiro limítase á organización do Wake Up Electronic Parties, un evento de música electrónica que ten lugar na sala Pelícano da Coruña, un local que forma parte dun grupo empresarial propiedade de Juan Carlos Rodríguez Cebrián, ex director xeral de Inditex, sobriño político de Amancio Ortega e moi vinculado até principios deste ano ao Deportivo da Coruña, onde segundo a prensa financeira, xogou un papel clave no acordo de capitalización da débeda con Abanca. 

Nós Diario púxose en contacto coa Alcaldía da Coruña para preguntar se tiña constancia destes feitos e a resposta foi que o Concello “non pode entrar nese tema porque non é o promotor do evento nin a empresa organizadora” e que, daquela, "non é da súa competencia valorar a situación" da promotora. 

Porén, o convenio vixente entre o Concello e o Club Deportivo da Coruña especifica que ambas institucións teñen que consensuar os termos da organización de calquera actividade extradeportiva no estadio Riazor.

"Caos e crise" no departamento de Cultura do Concello, segundo a oposición

Na actualidade, é a propia alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a que desenvolve as funcións de Concelleira de Cultura, aínda que lle cedeu boa parte das atribucións do IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos) a Gonzalo Castro Prado, quen pasa por ser a súa man dereita. A área de Cultura sufriu sucesivas remodelacións nos últimos meses, que levaron á oposición a falar de "caos e crise"

A Concelleira de Deportes, por quen supostamente tería que pasar calquera acordo de uso do estadio de Riazor, é agora Mónica Martínez, antiga candidata á alcaldía por Ciudadanos que contou co apoio de Rodríguez Cebrián e que se incorporou ao actual equipo de goberno en setembro de 2020, tres meses despois de abandonar o partido laranxa.

Comentarios