'A palabra esgazada' e 'Onde canta a poeta' son dúas series documentais

Programación audiovisual dedicada a Xela Arias

A Real Academia Galega fai pública a súa programación audiovisual para homenaxear a poeta Xela Arias, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2021.
xelaariasrag
photo_camera Pola esquerda, Marilar Aleixandre, Lois Arias Castaño, María Yáñez, Henrique Monteagudo, Amparo Castaño e Darío Gil Arias. (Foto: RAG)

Os eventos conmemorativos das Letras Galegas 2021 da Real Academia Galega (RAG) van ter como un piar básico o audiovisual. Así, presentouse nesta segunda feira, 5 de abril, a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, unha achega en seis capítulos á vida e á obra da autora á que se lle rende homenaxe o 17 de maio.

O primeiro capítulo, de dez minutos de duración, está xa dispoñíbel na web da RAG. Os cinco restantes publicaranse cada terza feira e repasarán a súa faceta como escritora "en diálogo con outras artes" e os seus traballos como editora e tradutora.

O presidente en funcións da RAG, Henrique Monteagudo; o fillo de Xela Arias, Darío Gil Arias; e mais a guionista de Xela Arias. A palabra esgazada, María Yáñez, participaron na mañá da segunda feira na rúa Tabernas da Coruña na presentación da programación audiovisual das Letras Galegas 2021 da institución.

Até o 16 de maio, de cuarta a segunda feira, publicarase tamén o audiovisual Xela Arias. Onde canta a poeta, unha homenaxe colectiva que comparte testemuños de quen coñeceron a autora xunto a novas olladas e recitados dos seus escritos de académicos e académicas, persoeiros do mundo da cultura, mozos e mozas e cidadáns e cidadás de distintos perfís profesionais.

Ambas as series foron realizadas co apoio económico da Xunta, da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Ciencia e Innovación e poderán verse tamén na Televisión de Galicia, que cedeu material do seu arquivo sobre Xela Arias para a produción d'A palabra esgazada.

A voz de Xela Arias tamén se escoitará nesta serie recitando os seus versos nas gravacións cedidas polo músico Fernando Abreu, con quen a poeta preparaba un espectáculo poético-musical no momento do seu pasamento en novembro de 2003. 

A serie conta coa voz de poetas novas galegas para darlles vida a esas palabras que van ganduxando un relato rico en testemuños que trazan os distintos perfís da autora: o máis íntimo, o da editora e tradutora, o da poeta que dialogou con outras artes...

A nai de Xela Arias, Amparo Castaño, o seu irmán Lois Arias, o fillo, Darío Gil Arias, e a exparella, Xulio Gil; artistas e escritoras e escritores coetáneos como o músico Fernando Abreu ou a poeta e académica Ana Romaní; compañeiros de Xerais como Xulián Maure, Víctor F. Freixanes, Celia Torres e Manuel Bragado; e profesionais da tradución como Xavier Senín e Tamara Andrés son parte das persoas que participan na serie canda outras voces novas como as de Berta Dávila, Arancha Nogueira, Alba Cid, Silvia Penas ou Marcela e Andrea Porto, da Banda da Loba.

Comentarios