Programa en liña sobre a galeguidade na diáspora

A Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social da Galiza (Fundehsga) lanza o primeiro programa formativo “Cultura galega e emigración: a galeguidade na diáspora”, que se vai desenvolver entre o primeiro semestre deste ano e as mesmas datas do ano que vén.
fundehsga
photo_camera A arte galega forma parte do programa “Cultura galega e emigración: a galeguidade na diáspora”. (Foto: Europa Press)

A Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social da Galiza (Fundehsga) vén de abrir a inscrición para participar no seu programa formativo “Cultura galega e emigración: a galeguidade na diáspora”, que se vai desenvolver entre o primeiro semestre deste ano e as mesmas datas do ano que vén.

Baixo dirección do profesor, escritor e crítico literario Armando Requeixo, o programa impartirase a través da plataforma educativa da universidade mexicana LiberQuaré e foi deseñado coa idea de abordar de modo integral o mapa da cultura galega na emigración, pondo en valor o que supuxo para os países de acollida e tamén para a Galiza.

Cada un dos cursos de “Cultura galega e emigración: a galeguidade na diáspora” integrará catro módulos con relatorios referidos á historia e á sociedade, ao idioma falado e escrito na diáspora, ás artes ou ao Camiño de Santiago e aos camiños da Galiza no mundo. 

Trátase, ademais, dun programa que oferta titulacións de experta, diplomada e máster, que expedirá a universidade mexicana, que dá a posibilidade de cursar os estudos de balde, con seguimento en liña e co único compromiso da visualización das sesións e da realización de traballos breves.

O primeiro dos cursos, destinado ao nivel de expertos e expertas, desenvolverase entre o 5 de abril e o 24 de maio e aquelas persoas interesadas xa poden inscribirse a través do portal web da entidade, www.fundeshga.com. 

A Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social da Galiza  conta para este programa dun ano de duración, ademais de coa colaboración da Universidade LiberQuaré, co apoio das secretarías xerais de Emigración e Política Lingüística da Xunta da Galiza e coa participación das tres universidades galegas.

Comentarios