Tomás Álvarez: un profesor de Física con ollo arqueolóxico

Álvarez achou nunha mámoa de Cambados un ídolo megalítico. O docente entregou a peza para que chegara ás mans de Patrimonio.
Tomás Álvarez, no centro, o día da entrega do ídolo. (Foto: Diario de Arousa)
photo_camera Tomás Álvarez, no centro, o día da entrega do ídolo megalítico. (Foto: Diario de Arousa)

Tomás Álvarez non só ensina durante o curso, senón que tamén o fai en verán, cando saca a relucir a súa faceta de arqueólogo afeccionado e propón á sociedade galega aprender un pouco da súa historia. O docente de Física e Química vén de descubrir un ídolo megalítico de “hai 5.000 ou 6.000 anos” nas ruínas dunha mámoa que foi destruída no concello de Cambados. 

O achado foi fortuíto pero o certo é que Álvarez decidira achegarse á zona de Treviscoso, “a uns 500 metros” da casa, para comprobar como quedara a mámoa que coñecía e que estaba nos lindes entre dúas terras de particulares, ao saber que unha das fincas se vendera e limpara. 

Foi un domingo calquera, nunha saída a pasear. “Limparan todo o monte e estaba seguro de que levaran por diante” o sepulcro megalítico. Non errara nas súas conclusións, pois cando chegou ao lugar atopou o chan aplanado e as pedras por un e outro lado

Pasaran "cunha pa" ou outra máquina pesada por riba dos restos arqueolóxicos e destruíran máis da metade. Dáse a casualidade de que malia saberse da existencia da mámoa esta non estaba catalogada polas autoridades patrimoniais. "Vin todo arrasado e púxenme a buscar se había algo de cerámica, porque había pedras por todos os sitios", lembra, mais unha delas chamou a súa atención. 

Sospeitaba que podía ser un ídolo, porque algo de coñecemento da materia xa tiña, pero decidiu achegarse a visitar un historiador en Cambados ao día seguinte. O seu asesor confirmoulle o que sospeitaba da obra que atopara nas ruínas do conxunto fúnebre

Entregada ás autoridades para a súa conservación

Malia que nestes casos sempre hai quen decide quedar co atopado, Álvarez deu unha nova lección ao elixir achegar o ídolo ao Museo do Viño de Cambados para que, desde alí, o trasladasen a mans das autoridades que corresponder. 

Non lle deron máis chaves sobre o que vai acontecer con ese recordo do megalítico na Galiza pero entende que pasará a ser analizado por arqueólogas profesionais para estabelecer de forma definitiva o tempo que ten -consérvase case en perfecto estado porque estaba a bo recado dentro da construción de pedra- e o valor histórico que se lle pode fornecer. É posíbel que en breve remate nun museo para que calquera persoa poida apreciar o legado que Álvarez quixo compartir coa sociedade

Tamén avogou por que a investigación se traslade a Treviscoso para que as e os expertos analicen se hai algo máis que mereza a pena retirar do monte. De feito, a mámoa danada non estaba catalogada pero na zona, xa no municipio de Vilanova, hai outras que si o están e conforman un conxunto atractivo.

Esta descuberta non é o único mérito deste profesor, do que se podería dicir que ten ollo arqueolóxico. Preguntado por se era a primeira vez que localizaba un elemento de valor destas características, recoñeceu que arredor dalgúns castros ten visto restos de cerámicas. 

Aliás, "no illote Areoso", onde había mámoas, "hai catro, cinco ou seis anos" localizou "un molde para facer os machados", é dicir, unha peza de pedra "onde metían o metal fundido para crealos". O destino foi o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro e non tivo máis noticias. Sobre a súa destreza visual xa o di el mesmo: "Igual que acostumas o ollo a ir por setas, acostúmalo a ir por restos arqueolóxicos...". 

Un elemento único para a historia pouco coñecido na Galiza

A peza localizada polo profesor Tomás Álvarez é moi valiosa porque na Galiza acostuman aparecer poucas en tan bo estado. As persoas expertas concretan que o ídolo ten forma antropomórfica, pois detéctase certo traballo de gravado para localizar os brazos, por exemplo. Este tipo de elementos arqueolóxicos adoitan estar nas entradas das mámoas, pero escondidos das miradas alleas. Por iso, Álvarez atopouno após o derrube do sepulcro.

Comentarios