Cultura

As profesionais da interpretación súmanse á denuncia do "insatisfactorio" plan para a cultura

A Asociación de Actores e Actrices da Galiza considera que a folla de ruta trazada pola consellaría de Cultura e Turismo carece de concreción, presenta programas baleiros de contidos, disfraza convocatorias habituais de medidas novas e obvia a vulnerabilidade e a seguridade sanitaria das traballadoras.
Integrantes da AAAG.
photo_camera Integrantes da AAAG.

A Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), entidade sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, súmase aos distintos colectivos sectoriais que xa manifestaron a súa decepción ante o Plan de reactivación da cultura fronte aos efectos derivados da COVID-19, un documento caracterizado pola “falta de concreción de prazos e contías, a escasa claridade orzamentaria, a presentación de programas baleiros de contido ou o disfrace de convocatorias pendentes e habituais como propostas novas e incentivadoras”. A resposta das Xunta é para elas “claramente insatisfactoria” e ademais “esquece que o sector non está formado unicamente por empresas, senón que se compón na súa meirande parte por traballadores e traballadoras”. 

A resposta da xunta “esquece que o sector non está formado unicamente por empresas, senón que se compón na súa meirande parte por traballadores e traballadoras”, expresa a AAAG

Irrealizábel

A AAAG subliña que o plan pode resultar “irrealizábel” ao dedicar os esforzos ao Xacobeo e “aos circuítos de distribución de espectáculos, canles que están sometidas á incerteza da pandemia”, con medidas como a flexibilidade na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios ou o incremento de fondos no programa Cultura no Camiño. 

“Ambos circuítos de distribución a contratación de espectáculos depende dos concellos, sen garantía nin obrigatoriedade de programar por parte destes, polo que o investimento que a Xunta anuncia non se corresponde á certeza”, sinalan as profesionais da interpretación. Para alén do máis, o plan tampouco contempla a posibilidade de que se produzan rebrotes da doenza, coa conseguinte suspensión xeneralizada de funcións.

Chaman a atención sobre a falta de protocolos para a reincorporación a escenarios e rodaxes, dous eidos que, por mor das súas singularidades, fan especialmente complexo o mantemento das recomendacións sanitarias

Igualmente, chaman a atención sobre a falta de protocolos para a reincorporación a escenarios e rodaxes, dous eidos que, por mor das súas singularidades, fan especialmente complexo o mantemento das recomendacións sanitarias fundamentais: o distanciamento e o emprego de equipos de protección individual. 

Para alén desta vulnerabilidade, denuncian que o plan non ten en conta desprotección social na que xa caeron actores e actrices, así como o persoal técnico do sector. “Consideramos o plan da Xunta non só como insuficiente para a reactivación das artes escénicas e do audiovisual, senón tamén como negacionista coa ‘nova realidade’ na que nos vai tocar vivir”, declara a AAAG. 

Ausencias e reciclaxe de medidas

Engaden ademais a camuflaxe de medidas previamente existentes, como as axudas á produción audiovisual ou a inclusión dos premios de textos dramáticos creados no 1988 e que a Agadic convoca de forma bienal desde 2014.

"E peor sorte corre o xa practicamente liquidado Centro Coreográfico Galego que nin sequera se amenta no texto", salientan

A AAAG incide tamén en que o plan obvia diferentes ámbitos do sector escénico como as salas privadas ou a danza, de maneira que só se cita esta disciplina artística nunha soa ocasión. "E peor sorte corre o xa practicamente liquidado Centro Coreográfico Galego que nin sequera se amenta no texto", salientan.

Por todo isto, exixen unha reformulación do texto “para que a cultura conte cun plan verdadeiramente consensuado co sector e que sirva de estímulo para superar a crise derivada da Covid-19”.

Comentarios